Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTARÁ, POR PRIMEIRA VEZ, CUN MERCADO DE NADAL NA PRAZA DOS BARCOS E COA FIGURA DO GRINCH
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello poralle o broche de ouro ao 2024 cun espectáculo piromusical no porto deportivo.

Sanxenxo, 20 de novembro de 2024.- Sanxenxo prepárase para vivir unha intensa programación de Nadal nas distintas parroquias do municipio. O pistoletazo de saída será o acendido da iluminación de Nadal, o venres 6 de decembro, ás 18:30 horas na Praza Pascual Veiga cun espectáculo a cargo de Nelson Quinteiro. Pola mañá terá lugar a apertura oficial do Mercado de Nadal na Praza dos Barcos, que contará cun total de quince casetas onde, ademais de mercar produtos típicos e artesanía, haberá actividades e obradoiros. Nunha destas casetas vivirá o Grinch, un personaxe que se incorpora por primeira vez ao Nadal de Sanxenxo para sorprender e facer bromas tanto a nenos como a adultos.

Vilalonga iniciará a súa actividade de Nadal o vindeiro 29 de novembro coa Aldea de Nadal da Asociación Cultural Os Cruceiros na Praza Pública, onde permanecerá ata o 4 de xaneiro. Un ano máis, a Asociación Xuvenil Esmorga sorprenderá co seu Bosque de Nadal na Carballeira de Noalla, que contará con concertos, contacontos e a visita de Papá Noel, desde o 7 de decembro ata o 6 de xaneiro. Outra das novidades deste ano serán os “Recunchos de Nadal. Unha asociación, unha árbore”, unha iniciativa co obxectivo de implicar os colectivos de cada parroquia na decoración de árbores en espazos públicos como A Bouza (Dorrón), Praza Manuel Cortés (Bordóns), Praza do Pazo (Sanxenxo), O Santo (Nantes), Praza de Vilalonga, Pazo de Quintáns, Capela de Aios, Priorato de Arra, Casa de Cultura de Adina e Parque de O Espiñeiro. O acendido será simultáneo o 8 de decembro ás 18:30 horas.

A Rúa dos Viños de Portonovo tamén contará cun mercado de Nadal, obradoiros e animación na rúa desde o 8 de decembro ata o 7 de xaneiro. Ao longo do mes haberá espectáculos, actividades e contacontos para os máis pequenos en distintos espazos públicos, como A maxia está nos libros, Un paxe real en apuros, Xa é Nadal, Os Piñeiros, Pistacho e Carboncillo, a visita do Trasno Fantástico ou Obradoiros de Nadal.

A Casa Mariñeira de Don Fernando transformarase, a partir do 24 de decembro, en Porto Norte. Alí, Papá Noel recibirá os nenos durante a tarde da Noiteboa, a partir das 18:00 horas. Ás 16:30 celebrarase a tradicional Ciclocabalgata de Papá Noel, que partirá da Piscina Municipal, onde os participantes poderán doar un quilo de alimentos.

A actividade continuará o 25 de decembro co Belén Vivente na igrexa de Noalla, organizado pola Comisión de Festas Virxe do Carme, en colaboración con outros colectivos da parroquia. O día 27, Abiñadoira celebrará o Nadal Foliadeiro, a partir das 19:00 horas, na Praza Pascual Veiga. O Auditorio Pazo Emilia Pardo Bazán acollerá o 28 de decembro Torpelina ten un problema, unha obra de teatro infantil con entrada gratuíta ata completar aforo.

A Asociación Cultural Soalleira celebrará a despedida do ano vello o 28 de decembro, a partir das 20:30 horas, na Casa de Cultura de Dorrón. O día 29 o Priorato de Arra acollerá un Certame de Panxoliñas, e o 30, na Praza Pascual Veiga, realizarase un showcooking de Cociña de Nadal a cargo do Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés.

Sanxenxo volverá despedir o ano cunha serie de actividades: Queima o teu calendario, o 31 de decembro ás 12:00 horas, na Praza Pascual Veiga, e o Chapuzón por unha ilusión, ás 17:00 horas na praia de Silgar, para recadar fondos para a Fundación Aladina. Pola noite, Sanxenxo celebrará, por terceiro ano consecutivo, un espectáculo piromusical no porto deportivo Juan Carlos I, a partir das 20:00 horas.

O 5 de xaneiro, o Tren Mago percorrerá as parroquias desde as 11:00 horas e, posteriormente, ás 16:30, realizará unha recepción na Praza dos Barcos. Ás 18:30 terá lugar a Cabalgata, que se desprazará ata Portonovo, onde rematará cun Belén Vivente na zona da Curva. Aios e Noalla tamén celebrarán as súas propias Cabalgatas de Reis. Por último, ás 19:30 horas, o Pazo Emilia Pardo Bazán acollerá o Concerto de Reis a cargo da Banda de Música de Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault