O goberno traballa en diferentes opcións para que a parcela teña un rendemento social con beneficios para os veciños de Sanxenxo.
Sanxenxo, 26 de novembro de 2024.- O alcalde, Telmo Martín, acompañado pola concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, e pola concelleira de Economía e Facenda, Paula Martínez, así como polo resto dos membros do goberno, visitou esta mañá a Finca das Cunchas para anunciar que se completou o pago da expropiación á familia Rocafort, valorada en 13 millóns de euros. “O pasado 23 de outubro o Concello completou o pago da expropiación da parcela e o vial. O custo total, intereses incluídos, foi de 13 millóns de euros, moi lonxe dos 47 millóns que a familia Rocafort reclamaba ao Tribunal Supremo no 2017”, sinalou.
Un anuncio que chega tras unha longa batalla xudicial na que o goberno acata o fallo, pero non o comparte, e quere que se poida visualizar no terreo co pintado de raias azuis que delimiten a expropiación, así como un cartel explicativo. “Unha imaxe vale máis que mil palabras e axuda a entender o alcance e o dano causado aos veciños de Sanxenxo, incluídos os propietarios lindeiros deste terreo e viais”, asegurou.
Ademais da zona verde (1.750 m²), inclúense na expropiación os viais (1.212 m²) que dan acceso aos edificios que nos anos 70 construíu a familia Rocafort. “Acatar a sentenza non implica compartila, e non a compartiremos nunca porque é consecuencia dun urbanismo especulativo que hoxe, afortunadamente, non sería posible”, asegurou.
Telmo Martín cifrou en 4.300 euros o metro cadrado da expropiación. “O prezo fixado polo perito do TSXG nin sequera no mercado libre, e moito menos nunha expropiación, sería xustificable”, sinalou.
Finalmente, o alcalde deixou claro que “a ningún veciño lle debe quedar a menor dúbida de que o goberno está traballando para paliar os efectos desta sentenza e conseguir que esta parcela teña un rendemento social con beneficios para os veciños de Sanxenxo”.