O custo da actuación é de 276.739 euros e ten un prazo de execución de 3 meses.
Sanxenxo, 30 de novembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo porá en valor a contorna da capela de San Amaro de Arra cun proxecto de humanización que mellore a urbanización dun núcleo poboacional con gran valor patrimonial. O orzamento estimado da obra é de 276.739 euros cun prazo de execución de 3 meses. A actuación será financiada integramente a través do Plan +Provincia.
Co obxectivo de potenciar este núcleo antigo de poboación, o goberno porá en marcha esta actuación que mellorará a seguridade viaria na zona e embelecerá a contorna. A capela de San Amaro é unha xoia arquitectónica da baixa Idade Media e a poucos metros atópase o Priorato de Arra que, no seu día, foi vivenda de monxes beneditinos relacionados co Mosteiro de Armenteira e no que se investiron preto de 400.000 euros na súa rehabilitación.
Na actualidade, pódese apreciar o mal estado do firme, así como as acometidas aéreas de telefonía e de electricidade. As actuacións proxectadas terán como obxectivo mellorar o pavimento existente da zona, soterrar os cables aéreos de electricidade e telefonía, e mellorar a iluminación nocturna da contorna da capela e dos viarios de acceso. Conservaranse os niveis orixinais das rúas, para o cal haberá que picar e levantar o pavimento existente, cavar, posteriormente rechear, compactar, abrir as gabias e rematar colocando o novo pavimento segundo cada caso, mantendo os desniveis e rasantes actuais. Tras as obras de urbanización, as cotas dos viarios non presentarán cambios reseñables.