Os departamentos de Educación e Cultura realizaron un sorteo entre o alumnado de Primaria dos colexios do municipio
Sanxenxo, 2 de decembro de 2024.- Os nenos e nenas do municipio volverán ter un papel protagonista na comitiva da Cabalgata de Reis en Sanxenxo. Os departamentos de Cultura e Educación, dirixidos por Elena Torres e Nati Parada, en colaboración con persoal municipal de Animación Sociocultural, realizaron un sorteo entre o alumnado de Primaria dos colexios do municipio que participan na elaboración de postais de Nadal. Serán, en total, por motivos de seguridade, 28 nenos e nenas, de entre 6 e 12 anos, que viaxarán a bordo do Tren Mago acompañando a Melchor, Gaspar e Baltasar na Cabalgata o próximo 5 de xaneiro.
Os paxes reais desprazáronse esta mañá, acompañados da concelleira de Educación, Nati Parada, aos colexios Magaláns, A Florida, O Cruceiro e Nantes para realizar o sorteo. Mañá acudirán a Portonovo e Abrente, e nos próximos días, a O Telleiro, para seleccionar os escolares que irán a bordo do Tren Mago.
O número de participantes que corresponde a cada centro realízase segundo a ratio do alumnado matriculado. Todas as postais de Nadal serán expostas na Sala Nauta en horario de oficina de Turismo, durante as vacacións de Nadal.
Obradoiros de Nadal
Co obxectivo de axudar á conciliación familiar durante as vacacións escolares de Nadal, o Concello poñerá en marcha durante os días 23, 26 e 27 de decembro os Obradoiros de Nadal na Casa de Cultura de Adina. A actividade está dirixida ao alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil e Educación Primaria. O horario de entrada é de 8:30 a 10:00 horas e a saída de 13:30 a 14:00 horas. Haberá servizo de fiambrera de 14:00 a 15:00 horas. O prezo da actividade é de 20 euros para empadroados e 25 euros para non empadroados.
As prazas son limitadas e a preinscrición debe realizarse a partir do 4 de decembro no rexistro municipal ou a través da sede electrónica de O.A. Terra de Sanxenxo.