A cifra, recollida polo INE, é a máis alta dos últimos seis anos
Sanxenxo, 2 de decembro de 2024.- Sanxenxo rexistrou o pasado mes de outubro 68.369 pernoitas hoteleiras, unha das mellores cifras da serie histórica do INE. Segundo os datos publicados recentemente polo Instituto Nacional de Estatística, a cifra é a máis alta desde 2018 cando se contabilizaron 73.953 pernoctacións, pero está moi por riba dos datos dos últimos seis anos no décimo mes do ano.
O dato volve constatar o crecemento do municipio en tempada baixa con cifras que, cómpre lembrar, son pernoitas hoteleiras. Polo tanto, só unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos (9.415), xa que Sanxenxo conta con 54.833 segundas residencias, 13.365 en vivendas de uso turístico, 4.773 en cámpings e 2.767 en apartamentos turísticos.
Segundo os datos do INE, durante o mes de outubro 48 hoteis permaneceron abertos en Sanxenxo poñendo a disposición 2.201 habitacións cun total de 4.452 prazas. O grao de ocupación foi do 49,32% durante a semana e do 61,77% a fin de semana. O persoal empregado nestes hoteis foi de 745 traballadores.
Outro indicativo da afluencia turística son as cifras de facturación do aparcadoiro de Nauta. En total recadáronse 27.739 euros e rexistrouse unha rotación de 9.191 vehículos. Os días de maior facturación coincidiron coa fin de semana da ponte do Pilar, 12 e 13 de outubro.
As instalacións do aparcadoiro Nauta Sanxenxo, situado na entrada do porto deportivo, dispoñen de 584 prazas. Estas distribúense en tres espazos diferenciados: 206 prazas na planta pública interior; 178 no aparcadoiro privado que existe no mesmo recinto; e outras 200 no aparcadoiro en superficie na Praza do Mar.