Sanxenxo, 11 de decembro de 2024.- A media maratón Entre Rías regresa o próximo 18 de maio para superar o éxito acadado o ano pasado. As inscricións para a proba xa están abertas e promete superar os máis de 1.000 participantes, converténdose nunha auténtica festa do running.
A proba, organizada polos concellos de Sanxenxo e O Grove baixo a dirección técnica de Nokao, contará con dúas opcións de distancia: media maratón e 10K para os máis rápidos e populares. Ademais, haberá unha opción de relevos por parellas. O sábado 17 de maio celebraranse tamén probas para os máis pequenos (entre 0 e 13 anos) de carácter gratuíto.
Os participantes gozarán dun percorrido que transcorre por unha das zonas máis espectaculares de Galicia. Na súa primeira edición, a proba atraeu corredores de distintos puntos de España e Portugal, como Valencia, Asturias, Bilbao ou Madrid, que quedaron sorprendidos polo encanto e atractivo turístico da zona.
A proba contará cun percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo e repartirá máis de 2.500 euros en premios económicos.
As inscricións para a gran festa do running xa están dispoñibles a prezo reducido ata o próximo 10 de xaneiro na páxina web da carreira www.entreriasmediamaraton.com.