Sanxenxo, 12 de decembro de 2024.- Este Nadal, Sanxenxo pon en marcha o programa “Un chocolatiño quente?”, unha iniciativa da Concellería de Servizos Sociais e Maiores, dirixida por Paz Lago, que busca axudar ao Banco de Alimentos e Cáritas. Estas dúas asociacións, que colaboran a diario co Concello, beneficiaranse das actividades que se levarán a cabo en distintas parroquias durante as festas, como o Bosque de Nadal de Noalla, a Aldea de Nadal de Vilalonga ou a Festa Infantil Solidaria de Nadal de Bordóns. Ambas organizacións sen ánimo de lucro traballan ao longo de todo o ano coa administración para cubrir as necesidades básicas das familias do municipio.
A iniciativa presentouse esta mañá no Concello de Sanxenxo con representantes de todos os colectivos implicados no programa. Ademais de Cáritas e o Banco de Alimentos, participaron a Asociación Cultural San Pedro de Bordóns, A Esmorga Asociación Xuvenil e os organizadores da Aldea de Nadal, que poñerán á disposición os seus espazos para a recollida de alimentos, xoguetes e donativos. “Tomar un chocolate é compartir, e se é quente, ofrece esa calor tan necesaria en épocas frías. Ademais, facendo un donativo podemos conseguir que ese calor chegue a moitas familias do concello que o precisan”, asegura Lago.
Un chocolate quente é a desculpa perfecta para compartir e doar o que cada familia poida nunha época na que as necesidades aumentan. As persoas que desexen colaborar poderán facelo o 22 de decembro na Festa de Nadal Solidaria de Bordóns, a partir das 16:30 horas; o 6 de xaneiro no Bosque de Nadal, a partir das 19:00 horas; e na Aldea de Nadal o 27 de decembro, ás 17:30 horas. Tanto en Noalla coma en Vilalonga, a recollida manterase durante todo o período das actividades.