A crise migratoria obriga a ampliar a duración do dispositivo de acollida en Areas máis alá de decembro
Sanxenxo, 13 de decembro de 2024.- En menos de tres meses desde a súa chegada a Sanxenxo, o 27 % dos inmigrantes de Mali acollidos no municipio xa asinaron o seu primeiro contrato laboral e o 24 % están inscritos en cursos ou recibindo formación como electricistas, limpadores ou para desbroce de montes. A integración no municipio, destaca o responsable territorial de ACCEM en Galicia, Daniel Bóveda, está sendo “moi boa” tanto co idioma como coa relación co territorio, e agradece “a implicación” do Concello.
Dos 70 inmigrantes que chegaron o pasado 17 de setembro a Sanxenxo, dous xa marcharon a outras zonas onde tiñan familiares, pero esas dúas prazas xa foron cubertas. De feito, a situación da crise migratoria obrigou a ampliar a duración do dispositivo de acollida en Areas máis alá do mes de decembro, como estaba previsto.
O Concello de Sanxenxo, concretamente a Concellería de Servizos Sociais e Maiores dirixida por Paz Lago, volcouse coa súa axuda e integración no municipio tanto coa cesión de instalacións municipais para realizar distintas actividades educativas e deportivas, como coa súa formación en seguridade viaria e primeiros auxilios ou experiencias en centros educativos que faciliten o coñecemento do país e a súa relación coa contorna. Ademais, o Concello puxo a disposición de ACCEM, o pasado mes de novembro, o servizo de orientación laboral municipal para facilitar a inserción dos inmigrantes no mercado laboral.
“Sanxenxo demostrou a súa solidariedade unha vez máis, tanto por parte de veciños particulares como por parte de empresas. É un orgullo que a xente do noso municipio responda así de ben”, asegura Lago.