A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, invita a participar aos centros educativos do municipio
Sanxenxo, 16 de decembro de 2024.- Educar, sensibilizar e fomentar a comprensión da diversidade cerebral, ese é o obxectivo principal do programa Exploramentes impulsado desde a Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Paz Lago, para levar a cabo co alumnado de Educación Infantil e os dous ciclos de Educación Primaria dos centros educativos. “Nun mundo cada vez máis diverso e complexo, é esencial que a institución educativa reflicta e promova os valores fundamentais do respecto, tolerancia e inclusión. Tras varias conversas coa Asociación Neen@s xorde este programa no que nos gustaría que participasen os centros educativos de Sanxenxo”, explica Lago.
O programa será realizado a través do centro multidisciplinar Progresa e consistirá en charlas interactivas dunha hora de duración. Estas sesións estarán adaptadas para intentar captar a atención, utilizando métodos participativos e lúdicos que lles permitan comprender a importancia da diversidade cerebral e da inclusión desde unha idade temperá.
“Esta proposta non só se enfocará en aumentar a conciencia sobre as diferenzas cerebrais senón tamén en promover a empatía, o respecto e a colaboración entre todos e todas para crear un mundo mellor. Para levalo a cabo é crucial a participación dos centros educativos”, asegura Lago.
O programa Exploramentes vaise desenvolver desde xaneiro a marzo de 2025 e os centros educativos, aos que xa se lles enviou unha carta explicando e propoñendo o programa, teñen que confirmar a súa participación antes do 13 de xaneiro no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Cabe lembrar que Sanxenxo conta desde 2023 coa Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Salnés Sur (UDIAF) en Vilalonga a través da que se presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento dos nenos de 0 a 6 anos. Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinar e colaborar cos profesionais e cos recursos que atenden aos nenos desde outros servizos. A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abarca todo o ámbito dos problemas que poidan xurdir no desenvolvemento infantil: problemas evolutivos, afectivo-emocionais, de conducta, da comunicación e da linguaxe, motrices ou cognitivos.