O espazo poderá visitarse durante todas as festas de Nadal a partir do 24 de decembro coa recepción de Papá Noel.
Sanxenxo, 17 de decembro de 2024.- A Casa Mariñeira de Don Fernando transformarase este ano nunha antiga aldea nevada para recibir a Papá Noel. Portonorte contará, ademais de vivendas, cunha floristería, unha galería de arte, unha xoguetería, unha librería e unha tenda de lambetadas. Un lugar máxico que poderá visitarse desde o 24 de decembro, coincidindo coa chegada de Papá Noel, e que permanecerá aberto durante todas as festas do Nadal. Desde as 18:00 ata as 19:30 horas, os nenos e nenas poderán saudar e sacarse fotos con Papá Noel na Casa Mariñeira de Don Fernando.
Papá Noel chegará en cuatriciclo seguido dunha comitiva de bicicletas dentro da Ciclocabalgata, organizada como cada ano polo Club Corbelo en colaboración co Concello de Sanxenxo. Os participantes deberán inscribirse o mesmo día no punto de saída, a piscina municipal, ás 16:30 horas, e doar un quilo de alimento non perecedoiro que se destinará ao Banco de Alimentos. O percorrido realizarase pola estrada da Circunvalación, Rúa Progreso, Rúa Panadeira, Rúa Madrid, Paseo de Silgar, Avenida de Galicia, Carretera de A Lanzada, Rúa Areal e subida pola Rúa Doutor Lalinde del Río.
En Dorrón, a Asociación Cultural Soalleira realizará o día 24 de decembro o tradicional percorrido pola parroquia cantando panxoliñas co Apalpador. Será a partir das 16:00 horas cando varios integrantes do grupo se despracen a pé por distintos puntos de Dorrón cantando e tocando para animar o Nadal.