Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 12 COMERCIOS, 16 VIVENDAS E 5 BARRIOS PARTICIPAN NO CONCURSO DESLUMBRA CO TEU NADAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A decoración e o alumeado deberán estar expostos ata o vindeiro 6 de xaneiro, cando o xurado dará a coñecer aos gañadores.

Sanxenxo, 18 de decembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo repartirá o próximo 6 de xaneiro 4.000 euros en premios entre os 12 comercios, 16 vivendas e 5 barrios que se presentaron á segunda edición do concurso “Deslumbra co teu Nadal”. A actividade, organizada desde o departamento de Cultura, dirixido por Elena Torres, e en colaboración con Entretendas CCU, conta este ano cunha nova categoría para rúas, prazas ou zonas do vecindario cun único premio de 750 euros. Mantéñense os tres premios para establecementos comerciais de 1.000 €, 750 € e 500 €, así como para a decoración exterior de vivendas con 500 €, 300 € e 200 €.

Entre os establecementos participantes atópanse Viajes Inmobiliaria Salnés, Ijacar, Restaurante Xerfa, General Óptica Portonovo, Alma, Frutas Nieves Sanxenxo, Mahonia Interiorismo, Viistaóptica Portonovo, Patychuches, Multiflor, Pícaros School e Pequecholos. En canto a rúas e barrios, presentáronse comerciantes da Carretera de A Lanzada (D3D Odontología, Xoiería Portonovo, MAY Mar, Modas Marta, Oficina de Turismo CETS, Los pies de Nala, Tapería Agarimo e Veraluz), Arra Catadoiro, Rúa Eira, Portonovo (Praza de Compostela, Praza de Méndez Núñez e Campo de San Roque) e Froxán (A Vichona). No caso das vivendas, están representadas as sete parroquias nos 16 participantes.

Os elementos decorativos deberán permanecer expostos ata o 6 de xaneiro. Todos os participantes deben enviar fotos e vídeos dos seus escaparates, fachadas ou exteriores das súas vivendas e rúas para dalas a coñecer nas redes sociais.

O fallo do xurado darase a coñecer o 6 de xaneiro durante a celebración do Concerto de Reis da Banda de Música de Sanxenxo, que terá lugar no Auditorio Emilia Pardo Bazán. O xurado valorará:

  • A iluminación con ata 10 puntos.
  • A orixinalidade e o deseño con ata 5 puntos.
  • O fomento de valores locais, o contido didáctico do proxecto e o coidado do medio ambiente mediante o uso de materiais ecolóxicos, con ata 3 puntos.

0
0
0
s2sdefault