Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL DETECTA UN INCREMENTO DO 5% NOS ACCIDENTES DE TRÁFICO EN SANXENXO, PERO DIMINÚE A GRAVIDADE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os axentes atenderon máis de 8.000 chamadas no que vai de ano nas que se solicitaba axuda, información ou se denunciaba algún caso.

Sanxenxo, 19 de decembro de 2024.- Os accidentes de tráfico aumentaron no que vai de ano un 5% respecto aos rexistrados durante 2023. Así, a Policía Local de Sanxenxo interveu en 281 accidentes, aínda que a maioría deles non revestían gravidade. O balance tamén reflicte 28 atestados penais por conducir baixo os efectos do alcol ou drogas, por condución temeraria, agresións ou ameazas. Neste contexto, cobran especial importancia as campañas e controis preventivos (12) realizados ao longo do ano e en períodos concretos.

En canto ás denuncias de tráfico, a Policía Local tramitou 4.844, unha cifra lixeiramente superior á rexistrada no pasado ano, 4.606; e 81 denuncias administrativas por incumprir a Lei de Seguridade Cidadá en casos como desacato á autoridade, agresión, violencia ou alteración da orde pública. A presenza de animais na estrada, vivos ou mortos, tamén requiriu a presenza policial ata en 52 ocasións, e as avarías ou anomalías na vía pública, en 198 ocasións.

En canto aos obxectos perdidos, rexistráronse un total de 648, dos que 262 puideron ser entregados aos seus donos. A maioría dos obxectos son carteiras con diñeiro en efectivo, chaves, xoias e documentación, e mesmo maletas con roupa e mochilas que se almacenan na xefatura de Miraflores.

A Policía Local de Sanxenxo conta cunha plantilla de 22 axentes que se reforza durante o verán e presta servizo as 24 horas durante os 365 días do ano.

0
0
0
s2sdefault