Concello de Sanxenxo - SANXENXO ABRE O PRIMEIRO PUNTO INFORMATIVO E DE ASESORAMENTO A MIGRANTES NO SALNÉS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

A atención realizarase unha vez ao mes en horario de mañá, a través de cita previa, na oficina de Servizos Sociais.

Sanxenxo, 29 de xaneiro de 2025.- Achegar axuda e facilitar o asesoramento ás persoas migrantes afincadas na comarca para mellorar a súa inclusión social son dous dos obxectivos que se perseguen coa posta en marcha deste novo punto informativo, habilitado desde hoxe na sede de Servizos Sociais en Portonovo. Trátase dun servizo froito da colaboración entre Accem e o Concello de Sanxenxo a través do programa da Xunta de Galicia, Gadea. A atención, xestionada pola ONG, realizarase unha vez ao mes en horario de mañá con cita previa e arrincou hoxe cunha axenda completa ata marzo, cun máximo de oito consultas diarias e coa posibilidade de ampliar a súa periodicidade se fose necesario.

O alcalde, Telmo Martín, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañados da concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, e do responsable de Accem Galicia, Daniel Bóveda, visitaron esta mañá o punto de atención.

“Este servizo que se pon en marcha hoxe en Sanxenxo supón un paso máis na atención e no asesoramento ás persoas migrantes, achegándolles a administración e axudándoas a asentarse no municipio grazas a unha aposta decidida da Xunta de Galicia pola inclusión social”, explicou Martín.

Pola súa banda, Parrado destacou a colaboración entre o Concello de Sanxenxo e Accem como un exemplo de coordinación e cooperación:

“Este programa está destinado á atención das persoas migrantes que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. A Xunta de Galicia destina este ano 97.926 euros da convocatoria de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, un 30% máis que o ano pasado”, sinalou.

Daniel Bóveda puxo en valor o papel das dúas avogadas de Accem que se encargarán do servizo, acompañando as persoas migrantes en diversas situacións xurídicas e atendendo, só o ano pasado, a ata 90 persoas migrantes.

“Que esta oficina estea desde hoxe en Sanxenxo non é casualidade. Hai dous anos, un Concello e unha concelleira tiveron o reto de xestionar unha emerxencia humanitaria e non se puxeron de lado”, afirmou. “É un logro que Sanxenxo conte con este servizo e que as persoas migrantes non teñan que desprazarse ás sedes das grandes cidades”, engadiu.

Bóveda tamén subliñou a importancia de lograr a autonomía a través do traballo. Como mostra, 16 das 71 persoas que chegaron a Sanxenxo como refuxiadas o pasado mes de setembro xa tiveron a súa primeira experiencia laboral e 8 delas están actualmente traballando fóra do programa de atención humanitaria.

Por último, Paz Lago apostou por integrar a migración na axenda das políticas locais:

“Desde o primeiro momento en que comezaron a chegar refuxiados a Sanxenxo pensamos en vidas, en botar unha man na medida en que se podía, e funcionou. Non inventamos nada”, afirmou. “É un orgullo que, ademais de poder traballar cos refuxiados no hotel Baixamar, contemos con este punto de información e axuda”, concluíu.

0
0
0
s2sdefault