Sanxenxo, 30 de xaneiro de 2025.- O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presidiu este mércores a reunión do Comité Antifraude de Sanxenxo, na que se aprobou a memoria de actuacións de 2023, cumprindo así coa esixencia da normativa reguladora dos fondos europeos Next Generation para as entidades beneficiarias. Ademais, deuse conta da ausencia de denuncias no canal aberto na web para comunicar posibles irregularidades ou fraudes.
O Concello de Sanxenxo aprobou o Plan de Medidas Antifraude en febreiro de 2022 para a xestión dos fondos europeos Next Generation, un plan que xa se estaba aplicando no resto de subvencións concedidas para garantir a transparencia e a boa xestión municipal.
Con este plan e este comité, tanto o Concello de Sanxenxo como Terra de Sanxenxo puxeron en marcha todas as medidas necesarias para loitar contra o fraude e denunciar calquera irregularidade ou sospeita de fraude que se puidese detectar, en colaboración co Servizo Nacional de Coordinación Antifraude.
Durante a reunión, os membros do comité informaron de que non se detectaron prácticas colusorias nin conflitos de intereses na tramitación dos expedientes municipais. En caso de apreciarse algunha destas situacións, o comité sería convocado de inmediato.