Concello de Sanxenxo - O CONCELLO MOSTRA O SEU APOIO Á PLATAFORMA LOITA E ESTUDARÁ POSIBLES AXUDAS PARA FAMILIAS DO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 25 de setembro de 2024.- O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, recibiron esta mañá a integrantes da plataforma Loita, que demandan a ampliación da Unidade de Atención Temperá durante toda a etapa pediátrica, é dicir, ata os 14 anos. “É ben sabido por todos que a plasticidade cerebral só sucede nos primeiros anos de vida e as terapias dos nenos e nenas van contra o reloxo. A nosa obriga é garantir as terapias apropiadas para que sexan autónomos na súa etapa adulta, e moitas familias, polo custo, non poden facelo”, expuxo Tamara Campos.

Ademais de mostrarse sensibles coas súas demandas, nas que xa se está a traballar desde o goberno galego, o alcalde propuxo a posibilidade de articular unha liña de axudas económicas a nivel municipal para aquelas familias que o necesiten. “Xa contamos cunha Unidade de Atención Temperá, financiada pola Xunta, e cunha asociación como Neen@s, que fai unha gran labor. Nós estariamos dispostos a colaborar para que ningún neno ou nena quede sen unha terapia que precise no noso municipio”, afirmou Martín.

A concelleira de Servizos Sociais tamén apuntou que está pendente a sinatura dun convenio coa Asociación Neen@s para apoiar o labor que realiza co colectivo de nenos e nenas con necesidades específicas, atendendo na actualidade unha media de sesenta familias. Ademais, nas próximas semanas, o Concello porá en marcha un novo programa que ten como obxectivo educar, sensibilizar e fomentar a comprensión da diversidade cerebral entre o alumnado, Exploramentes, nos distintos centros escolares.

A iniciativa nace das conversas coa asociación Neen@s de Sanxenxo e levarase a cabo a través do centro multidisciplinar Progresa. Incluirá charlas interactivas dunha hora de duración, adaptadas para captar a atención dos nenos e nenas mediante métodos participativos e lúdicos, que lles permitan comprender a importancia da diversidade cerebral e da inclusión desde idades temperás.

Finalmente, cabe lembrar que a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Salnés Sur (UDIAF), situada na parroquia de Vilalonga, prestou asesoramento e orientación a 110 familias e apoio ao desenvolvemento de nenos e nenas de 0 a 6 anos durante o seu primeiro ano de funcionamento.

 
0
0
0
s2sdefault