Sanxenxo, 3 de marzo de 2025.- O Concello de Sanxenxo asistirá á Feira ITB de Berlín 2025, que se celebrará do 4 ao 6 de marzo, para presentar a Guía de Sendeiros Azuis, en idioma alemán, onde figuran todos os recursos naturais do municipio agrupados e xeolocalizados, con tracking de rutas.
O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza Otero, acudirá á feira acompañado da coordinadora de turismo e dunha ampla comitiva de empresas locais a través do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) e o seu presidente, Alfonso Martínez Cacheda, dentro da misión comercial que, como todos os anos, organiza o Clúster de Turismo de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia.
Sanxenxo manterá distintos encontros de traballo con operadores interesados no destino e asistirá dentro da súa axenda de traballo a diversos actos. Entre outros, á Entrega de Premios Spain Tourism Awards 2025, organizada por Turespaña e a OET Berlin.
No plano promocional, no stand de Galicia dentro da marca Turespaña, Sanxenxo disporá, como en anos anteriores, de material promocional do destino, merchandising, folleto xenérico do destino e, por primeira vez, contará coa Guía de Sendeiros Azuis en papel e idioma alemán, que ademais tamén se poderá descargar mediante código QR e que mostra os recursos naturais de Sanxenxo. Neste sentido, o goberno local continúa traballando para seguir incrementando as pernoitas nos meses de tempada baixa dentro da súa marca comercial Sanxenxo, 365 días. A guía en papel refórzase cun novo espazo web de Turismo de Sanxenxo, ao que se pode acceder desde guiaturismo.turismodesanxenxo.com.
A ITB Berlín 2025 reafirma o seu compromiso cos criterios ESG (medioambientais, sociais e de gobernanza) na industria turística. A feira, considerada unha das tres máis importantes do sector a nivel mundial, reúne a expertos, empresas e organismos internacionais para debater sobre o futuro do turismo sostible, a inclusión e a redución do impacto ambiental. A edición de 2025 contará con iniciativas pioneiras en turismo responsable, certificacións ambientais, compensación de carbono e diversidade e inclusión, ademais de fomentar o uso do transporte público para reducir a pegada ecolóxica do evento.