Sanxenxo, 4 de marzo de 2025.- O Concello de Sanxenxo colaborará coa Asociación Petís de Apoio á Crianza e á Lactancia cedendo un espazo no Priorato de Arra dous días ao mes. O colectivo púxose en contacto coa concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, para achegar a súa axuda ás familias do Salnés co obxectivo de crear unha rede de apoio entre nais e pais. A asociación busca ser un espazo seguro, un espazo de comprensión, unha rede de apoio nos cambios que se experimentan ao longo do tempo para disipar dúbidas e medos durante a crianza.
A asociación conta actualmente cun total de 127 familias, entre as que hai familias dun, dous ou tres nenos e nenas, de 0 a 7 anos. Xurdiu hai case dous anos como grupo de apoio á crianza, especialmente no período de posparto, entendendo que esta etapa pode prolongarse ata os tres anos (primeira infancia). "Defendemos a lactancia materna, pero priorizamos a posibilidade de axudar a calquera familia independentemente da súa forma de alimentar ao seu bebé. Prestamos apoio coa nosa tribo semanal, na que escoitamos e acollémolas todas as familias, un espazo no que compartimos vivencias e preocupacións...", apuntan desde o colectivo. Ademais, realizan un obradoiro ou actividade mensual destinada ás familias con nenos de 0 a 3 anos, no que poden participar tanto socias como persoas alleas á asociación.
O Concello de Sanxenxo cederá unha sala do Priorato de Arra, de 17:00 a 19:00 horas, os martes 11 e 25 de marzo; 8 e 22 de abril; e 13 e 27 de maio.
Para máis información, no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.