A concelleira de Educación, Nati Parada, e a tenente de alcalde, María Deza, expuxeron o programa ás ANPAS do municipio
Sanxenxo, 6 de marzo de 2025.- A concelleira de Educación, Nati Parada, e a tenente de alcalde, María Deza, mantiveron esta mañá un encontro cos representantes das ANPAS do municipio para expoñerlles o Plan Concilia para os meses de xullo e agosto, previsto para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. O prazo de inscrición abrirase despois de Semana Santa, aproximadamente entre o 20 de abril e o 10 de maio.
O programa municipal aumentará ata as 400 prazas, con 100 prazas ofertadas por quincena, máis do dobre que o ano pasado. Esta ampliación responde a unha das demandas das familias usuarias do servizo. En total, son 55 prazas máis que o ano pasado, coas que se estima que se poderá dar servizo a 180 familias, xa que só o 30% dos usuarios do ano pasado asistiron ao programa os dous meses completos.
Tamén se ampliará o horario, que será de 8:00 a 15:30 horas, e dispoñerase de servizo de fiambrera. Estas melloras non repercutirán no prezo, que se manterá igual ao do ano pasado, é dicir, 41 euros a quincena e 82 euros o mes completo.
En canto á ubicación, a actividade desenvolverase nun único colexio, en principio, o de A Florida, pola súa situación con respecto ás sete parroquias, aínda que se podería estudar outra alternativa como o colexio de Nantes, segundo se expuxo na reunión. En todo caso, o plan concentrarase nun único centro para optimizar os recursos municipais e os medios materiais.
O Concello de Sanxenxo colabora, ademais, con outros plans de conciliación que varios clubs deportivos e asociacións organizan durante os meses de verán, cedendo instalacións, encargándose da limpeza e facilitando os subministros.