O salón de plenos acollerá mañá, ás 12 horas, a lectura do manifesto do Día Internacional da Muller
Sanxenxo, 7 de marzo de 2025.- Cinco mulleres de Sanxenxo compartiron esta mañá as súas inquedanzas sobre a igualdade, os coidados, a corresponsabilidade ou o teito de cristal no almorzo e mesa redonda “Mulleres con voz” no Hotel Carlos I. O acto enmárcase dentro da programación organizada polo Concello de Sanxenxo, a través de Servizos Sociais, con motivo do Día Internacional da Muller. “O motivo desta conmemoración somos todas nós: as mulleres e o noso papel na sociedade actual”, sinalou Paz Lago.
A xornalista e escritora Eva Mejuto; a matrona Emilia Losada; a psicóloga Marta Martínez; a secretaria do Concello de Bueu, Paula Piñeiro, e a xerente inmobiliaria, Carmen Vázquez, expuxeron as súas vivencias nun salón con ampla representación de colectivos de mulleres e asociacións do municipio. A charla estivo moderada por Tamara Andrés, directora de Dombate e da Editorial Galaxia.
Eva asegurou que foi o seu entorno familiar o que marcou a súa traxectoria profesional. “Estiven rodeada sempre de libros e fixen xornalismo non por vocación, senón para escribir. Foi a escritora María Victoria Moreno, a miña mestra, a que me deu azos para facelo”, dixo. “O mundo cultural non está libre de acoso, abusos e desprezos polo feito de ser muller. Tes que facer o cuádruplo de esforzo, en moitas ocasións, que un home para conseguir o mesmo”, incidiu.
En canto aos seus inicios, Emilia quixo ser médica, “pero eramos cinco irmáns e tiven que optar por facerme enfermeira. A formación en atención maternal correu pola miña conta, fixen un curso en Madrid para facerme comadroa”. A pesar de que o traballo de matrona está moi feminizado, recoñece que “molesta que agora que se está abrindo aos homes sexan en moitos casos eles os que chegan a postos de dirección ou responsabilidade”.
Paula asegurou que foi a súa nai a súa principal fonte de inspiración. “Tivo que deixar os estudos e poñerse a traballar cando me tivo a min, pero logo retomounos e sacou praza como funcionaria laboral”, asegura.
Marta explicou que comezou a exercer como psicóloga en Madrid apenas concluíu a carreira. “Tiven que aturar as risas de moitos dos meus pacientes homes cando me vían polo feito de ser muller e nova”, dixo. A pandemia espertou nela o interese por divulgar os seus coñecementos en redes sociais e así chegaron os seus libros, Que sea amor del bueno e El síndrome de la chica buena. Tamén Carmen expuxo os seus inicios como xerente de pisos en Galicia e inmobiliaria en Sanxenxo como unha forma de “conciliar a vida familiar e laboral”.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, pechou o acto agradecendo as achegas realizadas polas cinco mulleres participantes na mesa e poñendo en valor “o papel e carácter loitador das mulleres galegas”, lembrando as figuras da súa nai e da súa filla: “fixo unha carreira supostamente de homes, enxeñeira de camiños, e está traballando en Australia”.
Finalmente, o salón de plenos do Concello de Sanxenxo acollerá mañá, ás 12 horas, a lectura do manifesto do Día Internacional da Muller a cargo da actriz, cantante e xornalista Jazmín Abuín.