Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 525 PERSOAS INSCRÍBENSE NO CENSO MUNICIPAL PARA DEMANDAR VIVENDA PÚBLICA EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo do rexistro ampliouse dous días máis do previsto debido aos problemas de subministración eléctrica polo apagamento

Sanxenxo, 9 de maio de 2025.- Un total de 525 persoas, 455 empadroadas, inscribíronse no censo municipal de vivenda aberto polo Concello de Sanxenxo para coñecer a demanda no municipio. O prazo de solicitude abriuse o 17 de marzo e ampliouse ata o 6 de maio, dous días máis do previsto polo apagamento eléctrico. Nas próximas semanas, realizarase un traballo de filtrado requirindo a documentación necesaria para saber se os solicitantes cumpren os criterios do Instituto Galego de Vivenda para optar a vivenda social.

En canto á distribución por parroquias, Padriñán (165) e Adina (146) concentran o 68% das solicitudes, seguidas de Vilalonga (50), Noalla (37), Dorrón (29), Bordóns (15) e Nantes (13). Por idades, os tramos con maior número de demandas sitúanse nos de 18-35 anos, con 236 solicitudes, e de 36-45 anos, con 170. Nos resultados do estudo tamén se reflicte unha preferencia pola compra (410), alugueiro (93) e ambas opcións (22).

O Concello dispón de solo para executar 150 vivendas procedentes do desenvolvemento urbanístico derivado do PXOM aprobado en 2003. O Concello explorará as distintas posibilidades para levalas a cabo, xa que poderían ser cedidas á Xunta ou promovidas polo propio Concello para o seu desenvolvemento, pero sempre seguindo os requisitos que marca a Lei de Vivenda de Galicia.

0
0
0
s2sdefault