A conselleira de Vivenda, María M. Allegue, visitou esta mañá Sanxenxo para coñecer "in situ" distintos solos urbanizables.
Sanxenxo, 14 de maio de 2025.- O Concello de Sanxenxo cederá á Xunta de Galicia unha parcela no lugar de Mourelos, en Noalla, para construír 25 vivendas públicas. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Telmo Martín, que, xunto coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue; o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, e a concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, visitou o solo urbanizable 12.
O ámbito conta cunha superficie total de 70.395 metros cadrados onde está prevista a construción de 157 vivendas privadas. "Este solo foi un dos solos nos que en 2017 se suspenderon licenzas e se rebaixou a edificación das 320 vivendas previstas ás 157 actuais", explicou. A Lei do Solo obriga ao propietario dos solos a ceder o 10% da superficie total á administración local. "O Concello dispón aquí dunha parcela de 2.500 m² para equipamento e outra de 2.700 m² para facer 25 vivendas públicas que queremos ceder á Xunta", dixo. Na mesma liña, sinalou que hai varios solos en Sanxenxo que poderían albergar este tipo de vivenda. "Vimos de visitar outros solos noutras parroquias, pero este xa está máis avanzado e pode ser de forma máis rápida", asegurou.
A conselleira María M. Allegue incidiu en que "queriamos vir a ver in situ esta parcela que está nun entorno privilexiado e que ofrece gratuitamente o Concello para facer vivendas de promoción pública. Por suposto, imos aceptar esta construción". Así, asegurou que Sanxenxo "é un exemplo de colaboración para paliar un déficit de vivenda de calidade e accesible". Para optar a esta vivenda será preciso estar anotado no Rexistro de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia. "Empezamos desde hoxe mesmo a traballar para que sexa unha realidade o antes posible", indicou.
A cesión da parcela poderase materializar en menos de dous meses por parte do Concello co obxectivo de que a Xunta poida acometer a licitación da construción en 2026.