Sanxenxo, 15 de maio de 2025.- Sanxenxo repite como sede do VII Rallye de Pontevedra que terá lugar os próximos 6, 7 e 8 de xuño e que percorrerá, ademais, os concellos de Meaño, Cerdedo-Cotobade, Barro e Moraña. A escudaría Congostra Team, organizadora da proba, presentou onte o rallye no Real Club Náutico de Sanxenxo xunto a autoridades e patrocinadores. O concelleiro de Deportes, Xuventude e Voluntariado, Marcos Guisasola, destacou "o gran traballo da escudaría e o papel dos patrocinadores porque sen vós non sería posible". Ademais, asegurou que unha proba destas características "vén a ser unha proposta atractiva para achegarse a Sanxenxo en tempada baixa".
No acto, dirixido por Terio Carrera, a secretaria da escudaría, Diana Rivas, foi a encargada de contar algunhas das novidades desta edición, que será a quinta cita puntuable da tempada no Campionato Galego de Rallyes 2025. Para evitar caer na monotonía, a organización dará un xiro á carreira, na que só repetirá un dos tramos da pasada edición, o que transcorre por Cerdedo-Cotobade.
A competición automobilística organizada pola Escudaría Congostra Team Sanxenxo foi a mellor valorada da tempada pasada pola Federación Galega tanto pola seguridade da proba como pola promoción, e co obxectivo de manter o seu alto nivel, reinvéntase para esta nova edición.
En Sanxenxo manterase o parque pechado e de traballo na explanada de Baltar, celebrarase a cerimonia de saída, levaranse a cabo os reagrupamentos e tamén a entrega de premios.
En canto ao resto de tramos, unha das grandes novidades será que un deles transcorrerá en gran medida por Sanxenxo para rematar en Meaño, cun percorrido de algo máis de 16 quilómetros.