Sanxenxo, 23 de maio de 2025.- O Día Mundial do Medio Ambiente céntrase este ano nun tema crucial: “Poñer fin á contaminación por plásticos”. Unha mensaxe que invita a abordar o problema non dende a prohibición ou a alarma, senón dende a educación, a análise crítica e a busca de solucións e alternativas sostibles. Coa finalidade de darlle visibilidade a esta data, o Concello de Sanxenxo organiza un amplo programa de actividades de educación ambiental co alumnado dos centros educativos do municipio e a celebración da I Feira do Medio Ambiente.
A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Yago Torres, en colaboración coas de Educación, Nati Parada, e de Turismo e Praias, Juan Deza, levarán aos centros educativos diferentes actividades. O obxectivo é concienciar sobre a importancia da conservación ambiental, educar no coidado dos distintos contornos naturais e facilitar ferramentas para un desenvolvemento sostible e respectuoso co planeta. “Sanxenxo ten unha paisaxe e un entorno natural único que debemos coidar e protexer entre todos. Con estas xornadas convidamos á reflexión sobre o noso papel no medio ambiente”, asegura Yago Torres.
O programa arrinca os días 27 e 28 de maio con charlas sobre a Bandeira Azul nos colexios de O Telleiro, Portonovo, Abrente, Magaláns e A Florida. A continuación, o martes 3 de xuño celebrarase un obradoiro sobre o ciclo da auga e o funcionamento dunha depuradora no colexio de O Cruceiro; o mércores 4 de xuño está prevista unha andaina e limpeza da Ruta do Río Pintillón co colexio Magaláns e outra polos Carballos de Aldariz co CEIP de A Florida. O xoves 5 de xuño realizarase a actividade “Coidemos as nosas dunas” coa limpeza de plantas invasoras nas praias de Areas Gordas, A Lapa, Canelas e Baltar. Participan os colexios de O Telleiro, Portonovo e Abrente e colabora o Colectivo Ecoloxista do Salnés. O venres 6 de xuño realizarase unha plantación de árbores no colexio de Nantes.
O sábado 7 de xuño, na Praza do Pazo, de 11:00 a 14:00 horas, celebrarase a I Feira do Medio Ambiente de Sanxenxo. A cita contará con stands informativos e de sensibilización ambiental con distintas campañas. A praza tamén acollerá a exposición “Cultura oceánica”, que desde hoxe xa se pode visitar no Pazo Emilia Pardo Bazán. A mostra, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), aborda a importancia do océano no funcionamento do planeta, a diversidade de vida que alberga e a relación que os humanos temos co mar desde hai milenios.
A feira tamén contará con obradoiros sobre o uso de plantas, cunha mostra de plantas aromáticas e medicinais; a elaboración de sacos aromáticos e o estampado de bolsas con motivos vexetais. Tamén acollerá un obradoiro de reciclaxe coa elaboración de hélices de papel, confección dun picapeixe, unha planta en papel de xornal...