Concello de Sanxenxo - O CONCELLO AMPLÍA A SÚA OFERTA CULTURAL COA MOSTRA INTERNACIONAL ‘SANXENXO DE CINE’
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Auditorio acollerá a proxección de Matria, Polvo Serán, Malencolía e Sirat, galardoada esta fin de semana no Festival de Cannes

Sanxenxo, 26 de maio de 2025.- O Concello de Sanxenxo amplía a súa programación cultural cunha nova proposta para este verán: Sanxenxo de Cine. O salón de actos do Auditorio Emilia Pardo Bazán converterase nunha sala de cine para acoller esta mostra internacional na que se achegarán ao público algunhas das mellores historias do audiovisual galego e estatal, como Matria, Polvo Serán, Malencolía e Sirat, esta última premiada esta fin de semana no Festival de Cannes. As proxeccións serán os días 26, 27, 28 e 29 de xuño, e as entradas poranse á venda en Ataquilla a un prezo de 3,75 euros por película.

A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, acompañada do produtor de cine Dani Froiz e do director Alfonso Zarauza, presentaron este mediodía o proxecto, que combina filmes premiados en festivais con colloquios pensados para fomentar o diálogo directo entre o público, actores e directores das películas proxectadas. “Sanxenxo de Cine chega para completar a diversidade dunha axenda cultural na que se leva traballando anos e que me fai especial ilusión pola calidade da proposta”, asegurou. E engadiu: “Estou convencida de que é un certame que veu para quedar na axenda cultural de Sanxenxo”.

Dani Froiz destacou a calidade das catro películas e a inclusión de Sirat no cartel, “que acaba de ser premiada polo xurado no festival máis importante do mundo, que nin sequera chegou aos cines, e vai estar aquí en Sanxenxo este mes de xuño”.

Pola súa banda, Alfonso Zarauza, director do filme rodado en Sanxenxo Así chegou a noite, destacou “a calidade da proposta nunha sala coma esta, onde se poden achegar mellor estas películas tanto a veciños como visitantes”. Precisamente o seu filme está previsto que se estree o vindeiro ano, na segunda edición de Sanxenxo de Cine. “Sanxenxo é unha vila con moita personalidade, non é un lugar calquera dentro de Galicia, e creo que esta proposta é un luxo que se pode permitir”, afirmou.

0
0
0
s2sdefault