Sanxenxo, 26 de maio de 2025.- O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, asistiu esta mañá á Subdelegación do Goberno en Pontevedra á presentación do lema da vindeira campaña do 25-N en Sanxenxo: O linguaxe da violencia de xénero é universal, a resposta tamén o é. Un traballo pioneiro froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, a Subdelegación do Goberno e cinco concellos da provincia, entre eles Sanxenxo.
Ao acto asistiu parte do alumnado do Máster en Dirección de Arte da Facultade de Comunicación, creadores dos lemas que levarán os concellos de Redondela, Lalín, Ponteareas, Moaña e Sanxenxo nas súas campañas de concienciación polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. “Quero agradecer a iniciativa á Subdelegación do Goberno e á Universidade de Vigo, en especial, ao grupo de alumnas que lle puxeron lema ao vindeiro 25-N en Sanxenxo”, declarou o alcalde. “Trátase de visualizar a resposta colectiva e unánime contra a violencia de xénero e de amosar que esta loita únenos e fainos máis fortes”, engadiu. Martín incidiu en que “a actuación por parte do Concello vai seguir sendo constante e absoluta mentres siga existindo unha soa muller vítima da violencia de xénero”.
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, destacou “que se trata da primeira vez que se realiza un traballo coma este de colaboración e a resposta foi moi boa dende o primeiro momento”. Tamén a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, sinalou “o beneficio para ambas partes porque o alumnado realiza unha práctica real cunha campaña profesional e os concellos utilízana”, dixo. “Concienciación e visibilización do problema son dous temas centrais. Hai que falar do tema, pero falar ben”, asegurou.