Concello de Sanxenxo - O NÚMERO DE ASPIRANTES A AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL EN SANXENXO PARA ESTE VERÁN CATRIPLICA A DEMANDA DO CONCELLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A bolsa de emprego pechou o prazo con 123 candidatos, pero só se seleccionarán 30 para reforzar o cadro fixo de 23 axentes

Sanxenxo, 27 de maio de 2025.- Sanxenxo seleccionará os 30 auxiliares de Policía Local que prestarán servizo este verán a través dunha bolsa de emprego. A convocatoria tivo unha resposta destacada cun total de 123 persoas inscritas. O Concello solicitou á Axencia Galega de Seguridade a realización das probas selectivas no propio municipio e contar cunha bolsa coa que reforzar o cadro de persoal fixo formado por 23 policías e 4 auxiliares de policía fixos discontinuos.

As persoas aspirantes deberán realizar as tres probas incluídas no proceso de selección: un cuestionario tipo test de 50 preguntas, unha proba de coñecemento de galego e outra de aptitudes físicas.

Os membros do tribunal de selección reuníronse esta mañá no Salón de Plenos para fixar os prazos das probas. A proba teórica celebrarase este venres no salón de actos do Pazo Emilia Pardo Bazán, e as probas físicas desenvolveranse a vindeira semana no campo de fútbol municipal de Baltar.

As persoas que superen o proceso e formen parte da lista de reserva deberán completar un curso teórico-práctico obrigatorio, impartido pola AGASP, para poder ser contratadas. Esta formación contará con 24 horas presenciais e ten como obxectivo preparar aos futuros auxiliares para desempeñar as súas funcións de maneira eficaz durante o período de contratación.

Os primeiros 15 auxiliares incorporaranse o 15 de xuño, mentres que os outros 15 farano a partir do 1 de xullo.

0
0
0
s2sdefault