Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL FORMA A 20 MIGRANTES ALOXADOS EN SANXENXO PARA CIRCULAR EN BICICLETA POLO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Catorce acoden, a diario, neste vehículo a un curso de automoción para persoas desempregadas no IES de Vilalonga

Sanxenxo, 28 de maio de 2025.- Un total de 20 migrantes aloxados en Sanxenxo recibiron esta mañá unha clase de seguridade viaria para aprender a desprazarse en bicicleta polo municipio. O policía local, Abelardo Martínez, coñecido nesta faceta de formador como “Poli Paco”, foi o encargado de impartir o curso. A parte teórica da actividade desenvolveuse no interior da Casa de Cultura de Dorrón e, a práctica, na explanada exterior onde se habilitou un circuíto que percorreron en bicicleta. “É moi importante que coñezan as normas para que circulen con seguridade nos seus desprazamentos. Para eles todo é novo: os sinais, a circulación pola dereita, os cascos, os chalecos reflectores, o calzado pechado...”, explicou Martínez.

Catorce dos vinte migrantes que recibiron esta formación desprazanse a diario ao IES de Vilalonga para realizar o curso de AFD, “Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos”, subvencionado pola Xunta de Galicia, que ten por obxecto a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras en situación de desemprego. Desde Areas, onde está o hotel Baixamar no que se aloxan, ata o IES Vilalonga desprazanse en bicicletas cedidas temporalmente polos concellos de Sanxenxo e Vilagarcía. O centro educativo facilitoulles os chalecos e os cascos e o alumnado colocoulles o alumeado nas bicicletas. O curso é de luns a sábado, de 16 a 22 horas, e inclúe 10 días de prácticas nos talleres da zona. “A barreira máis importante é o idioma, case todos falan bambara, pero como hai tres que falan ben español fan de tradutores. Veñen con moitas ganas de aprender”, asegura Rafael Domínguez, coordinador do curso.

0
0
0
s2sdefault