Concello de Sanxenxo - OS PRIMEIROS SOCORRISTAS CHEGAN ESTE DOMINGO ÁS PRAIAS DE AREAS, SILGAR, CANELAS E MONTALVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A vixilancia comeza de forma escalonada ata o 1 de xullo, cando se estenderá diariamente nos 17 areais con bandeira azul

Sanxenxo, 28 de maio de 2025.- Sanxenxo volverá adiantar un ano máis o servizo de socorrismo nas praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo. A partir deste domingo, 1 de xuño, 14 socorristas velarán pola seguridade nas praias con maior afluencia de bañistas durante as fins de semana (venres, sábado e domingo) e, a partir do 15 de xuño, o control destes areais realizarase de forma diaria, incorporándose Foxos e A Lanzada nas fins de semana. A vixilancia estenderase aos 17 areais con bandeira azul a partir do 1 de xullo e ata o 15 de setembro. Serán en total 83 socorristas e persoal sanitario os que se encargarán de velar pola seguridade nas praias este verán. O horario será de 12:00 a 20:00 horas, ampliándose unha hora máis en Silgar durante os meses de xullo e agosto. Ademais, desde esta fin de semana estarán habilitados os lavapés en todas as praias.

Os concelleiros de Turismo e Praias, Juan Deza, e o de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Manuel Pérez, mantiveron esta mañá unha reunión de coordinación co responsable de socorrismo, Juan Rivas, e o inspector da Policía Local, José Manuel Duarte, para abordar o dispositivo de praias que dará comezo este domingo.

Durante o encontro abordáronse tamén incumprimentos frecuentes das ordenanzas municipais na tempada estival, como a presenza de cans nos areais ou deixar cadeiras e paraugas reservando espazo. A Policía Local intensificará a vixilancia para evitar que estas prácticas se repitan.

Melloras
Por outra banda, continúan as melloras nos areais do municipio. Xa rematou a renovación da rampla de acceso ao módulo de baños en Canelas e hoxe comezouse coa de Silgar. Tamén se renovarán as de Baltar e Montalvo.

0
0
0
s2sdefault