Sanxenxo, 29 de maio de 2025.- Un debuxo inspirado no cadro do Bosco “O xardín das delicias” realizado pola alumna do CEIP A Florida, Ainhoa Hernández, de 6º de Primaria, foi elixido como gañador do concurso de seguridade viaria “Agora imos andando ao cole” organizado por Stop Accidentes e Fundación Mapfre.
A proposta gañadora divide a pintura en tres secuencias diferentes baixo os títulos: “O paraíso esperado”, “O xardín dos horrores” e “O inferno das consecuencias”. Cada viñeta, segundo explicou Ainhoa Hernández, leva aos distintos momentos polos que pode pasar unha persoa “que comete unha imprudencia en seguridade viaria, desde ir mirando o móbil sen prestar atención á estrada a consumir droga ou beber e conducir…”. “Sempre esperamos o mellor, pero ás veces co noso comportamento hai unhas consecuencias que se converten nun inferno como a morte, quedar en cadeira de rodas ou ter que ir ao xulgado por cometer un delito”, explicou.
Os concelleiros de Educación, Nati Parada, e de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, asistiron esta mañá ao acto de entrega do premio celebrado no salón de actos do centro educativo no que estiveron membros da Fundación Mapfre, a presidenta de Stop Accidentes, Jeanne Picard; a xefa de Tráfico en Pontevedra, Paula Yubero; o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte; o policía Abelardo Martínez, “Poli Paco”, así como o director do colexio, Pedro Padín, profesorado e alumnado de 6º que participou no concurso. A gañadora recibiu un diploma acreditativo, unha bicicleta e un casco como premio.
A concelleira Nati Parada entregou tamén un exemplar do libro do Poli Paco aos membros de Stop Accidentes e da Fundación Mapfre.