A coordinadora de Turismo, Romina Fernández, visitou os centros educativos do municipio para falar do distintivo
Sanxenxo, 29 de maio de 2025.– A coordinadora de Turismo, Romina Fernández, visitou esta semana os centros educativos do municipio para falar ao alumnado da importancia da Bandeira Azul nas praias. A actividade está enmarcada dentro da programación do Día Mundial do Medioambiente organizada polo departamento de Medio Ambiente en colaboración cos de Turismo e Praias e Educación.
Fernández explicou que a Bandeira Azul é un galardón internacional que se outorga a praias e portos deportivos que cumpren cunha serie de criterios relacionados coa calidade da auga, a seguridade, a xestión ambiental, a educación ambiental e o medio ambiente. Un recoñecemento que demostra o compromiso dun lugar coa calidade e a sustentabilidade. Sanxenxo é o municipio líder en distintivos a nivel nacional con 17: A Lapa, Area de Agra, Areas, Area Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro-A Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar. Ademais, suma tres bandeiras no porto deportivo Juan Carlos I, no Real Club Náutico de Sanxenxo e no Club Náutico de Portonovo, e unha insignia azul no Centro de Interpretación de As Telleiras.
A coordinadora de Turismo falou tamén das esixencias que conleva que un distintivo de Bandeira Azul ondee nunha praia como a calidade excelente da auga, a información e educación ambiental, a seguridade e a xestión ambiental.