Concello de Sanxenxo - A REFORMA DO VELLO COLEXIO DO CRUCEIRO INICIA O ACONDICIONAMENTO DOS ESPAZOS DO NOVO CENTRO SOCIAL PARA MAIORES, BIBLIOTECA E ESCOLA DE HOSTALARÍA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 30 de maio de 2025.- Tras as demolicións interiores, retirada de entullo e carpintería, a reforma do vello colexio de O Cruceiro comeza a centrarse no acondicionamento do interior do edificio que albergará a nova Escola de Hostalaría e Restauración, unha gran biblioteca e o novo centro social para maiores en Vilalonga.

O alcalde, Telmo Martín, acompañado das concelleiras de Educación, Nati Parada; de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, e o concelleiro de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron esta semana as instalacións co director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo, para analizar as necesidades educativas e formativas dos espazos previstos nas dúas plantas destinadas ao FP dual de Hostalaría e Restauración.

O proxecto tamén contempla a creación dun aparcadoiro, amplos xardíns e unha zona de lecer exterior. A actuación total conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses que conclúe o vindeiro mes de febreiro. O Concello conta para a actuación cunha axuda de 1,9 millóns do Programa de Impulso para a Rehabilitación de Edificios de Titularidade Pública (Pirep).

Na primeira e segunda planta, un espazo que suma máis de 1.000 metros cadrados, situarase o ciclo profesional de Hostalaría e Restauración en modalidade de FP dual. As instalacións, que estarán comunicadas cun ascensor, estarán formadas por aulas polivalentes, un obradoiro de cociña e office, obradoiro de restaurante e un bar.

O centro social está previsto que se ubique no baixo, no antigo ximnasio, e contará cunha superficie útil de 375 metros cadrados. Este espazo estará dotado de dúas zonas, unha destinada a un escenario para baile e outra de cafetería. Está previsto que o escenario poida converterse nun espazo para conferencias ou presentacións con capacidade para un total de 120 persoas.

Na planta baixa tamén se instalará a nova biblioteca, cunha superficie de 185 metros cadrados, que contará cunha zona de estudo, unha área infantil, outra de ordenadores, o arquivo e os aseos. Ademais, incluirá unha sala de lectura exterior cun pequeno patio axardinado onde se poderán realizar presentacións de libros ou obradoiros infantís.

Tanto a biblioteca como o centro cívico contarán con accesos, servizos e instalacións individuais, o que permitirá que funcionen de maneira independente ao resto do edificio podendo ter, incluso, distintos horarios para a súa utilización.

0
0
0
s2sdefault