Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE CATRO OFERTAS PARA EXECUTAR A PAVIMENTACIÓN DE CESTEIROS, PANADEIRA E A CONTORNA DO MERCADO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 30 de maio de 2025.- O Concello de Sanxenxo recibiu catro ofertas para executar a pavimentación e mellora da mobilidade das rúas Madrid, Panadeira, Cesteiros e a contorna do mercado. O Concello sacou a licitación esta actuación por un importe de 308.320 euros e cun prazo de execución de 3 meses. As empresas que optan a realizar a obra son: Covsa, Castro Figueiro, Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa e Narom.

O proxecto inclúe a renovación do alumeado público, a sinalización e o sistema de drenaxe existente. En canto aos semáforos no cruzamento da Rúa do Progreso, prevese o seu traslado á nova localización dos pasos de peóns e a adaptación das súas ópticas. Ao longo de toda a actuación renovaranse por completo os pavimentos das beirarrúas mediante a colocación de baldosa hidráulica sobre solado de formigón.

Como complemento á reordenación do espazo urbano e á renovación de pavimentos, o proxecto contempla tamén a colocación de mobiliario urbano e elementos de xardinaría. Prevese instalar unha varanda na Rúa Progreso para evitar que os peóns crucen por zonas non habilitadas; así como outra na Rúa Viña da Fonte, na praza, para protexer do desnivel entre a praza e a nova beirarrúa. Tamén se colocarán bancos, papeleiras e crearán dúas novas zonas axardinadas.

0
0
0
s2sdefault