Un total de 13 serán en praias e 5, noutros espazos públicos, mentres que 224 realizaranse en espazos privados
Sanxenxo, 23 de xuño de 2025.- A noite de San Xoán iluminarase con 242 fogueiras, once máis ca o ano pasado, cun total de 2.636 asistentes previstos. Do total, 224 celebraranse en espazos privados e 18 en espazos públicos. Por praias, Silgar concentrará 7, Caneliñas, 4 e Panadeira, 5. Todas estas fogueiras contan con permiso da Concellería de Medio Ambiente e unha declaración responsable da persoa solicitante. Nas praias colocaranse valados para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza.
A Concellería de Medio Ambiente conta cun listado coas persoas participantes e os lugares das fogueiras para entregar á Policía Local e a Emerxencias de Sanxenxo. Ambos departamentos municipais coordinarán o dispositivo de vixilancia e control desta noite. Ademais, o Concello puxo en marcha un operativo especial da Policía Local, dos servizos de emerxencia e do servizo de limpeza. O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para a noite de hoxe, desde as 22 horas ata as 6 horas de mañá, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21.00 horas. Ás seis da mañá evacuaránse as praias para proceder á súa limpeza, garantindo que estarán en perfectas condicións a primeira hora da mañá.
Por motivos de seguridade, non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valados para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza. Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras neses areais atópase a queima unicamente de leña limpa e en ningún caso de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar ás zonas de vivendas.
En canto ás fogueiras de San Pedro, na Concellería de Medio Ambiente hai rexistradas xa 881 fogueiras, pero o prazo aínda remata o vindeiro 26 de xuño.