Concello de Sanxenxo - SANXENXO VOLVERÁ CONTAR, A PARTIR DO 1 DE XULLO, CUN BUS URBANO CON DÚAS LIÑAS CIRCULARES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello porao en marcha mediante un convenio coa Xunta como Servizo de Interese Municipal para acollerse aos seus descontos

Sanxenxo, 23 de xuño de 2025.- O bus urbano volverá este verán a percorrer Sanxenxo, desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto, sumándose ás alternativas que o Concello pon en marcha para facilitar a mobilidade polo municipio durante a tempada de maior crecemento de poboación. O Concello de Sanxenxo activará o servizo a través dun convenio coa Xunta como Servizo de Interese Municipal (SiMu), para que os usuarios poidan beneficiarse dos seus descontos. As tarifas serán as mesmas que aplica a Xunta: 1,55 € por billete ordinario, 0,70 € co pagamento mediante a Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) e gratis para menores de 21 anos e maiores de 65.

O acordo establece a implantación de dúas liñas circulares, con dous autobuses, coa igrexa de Sanxenxo como punto de inicio e fin, percorrendo de forma lineal todo o municipio cun tempo estimado de 50 minutos. Unha pasará por Vilalonga e a outra pola Lanzada, con saída e chegada na igrexa de Sanxenxo. Un autobús sairá ás 8:30 h, cada hora, ata as 00:30 h, para facer o traxecto Sanxenxo - Vilalonga - A Lanzada - Sanxenxo; e outro sairá desde Sanxenxo ás 8:00 h, cada hora, ata as 00:00 h, para ir por Portonovo - A Lanzada - Sanxenxo. A frecuencia será de ata 32 viaxes por liña, de luns a domingo. O servizo está pensado tamén para propietarios e traballadores da hostalaría, ademais de veciños e visitantes.

O Concello repite por segundo ano esta modalidade de bus urbano e suprime a lanzadeira tras non obter os resultados agardados o ano pasado. As dúas liñas circulares foron utilizadas o pasado verán por 29.528 viaxeiros, dos que 15.523 foron en agosto.

0
0
0
s2sdefault