Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA A RENOVACIÓN DA ILUMINACIÓN DO CAMPO DE SAN PEDRO DE VILALONGA CUN INVESTIMENTO DE 50.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación permitirá reducir o consumo enerxético e mellorar a reprodución cromática no terreo de xogo

Sanxenxo, 19 de agosto de 2025.- O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, acompañados da directiva do Villalonga FC visitaron esta mañá o campo de fútbol de San Pedro, coincidindo co inicio da colocación da nova iluminación led na instalación deportiva. A intervención, sufragada con fondos municipais, ascende a 50.000 euros e permitirá reducir o consumo enerxético e mellorar a reprodución cromática no terreo de xogo. A actuación asegurará un nivel de iluminación de 300 Lux e unha temperatura de cor de 4.000k e inclúe a retirada das antigas luminarias, así como as adaptacións necesarias no calibre de proteccións.

A nova tecnoloxía led permitirá reducir o consumo enerxético de maneira significativa optimizando o rendemento sen comprometer a calidade lumínica. Fronte ás antigas lámpadas de descarga, os novos focos LED propostos ofrecerán as seguintes vantaxes:

• Maior eficiencia lumínica, proporcionando máis luz con menos consumo. Acendido instantáneo, eliminando os tempos de espera.
• Maior vida útil, reducindo os custos de mantemento.
• Mellor reprodución cromática, garantindo cores máis nítidos e naturais.

Ademais, a tecnoloxía LED reduce o impacto ambiental ao diminuír o consumo eléctrico e a emisión de CO2, contribuíndo á sustentabilidade do recinto deportivo. Procederase tamén á implantación dun sistema de control da iluminación mediante protocolo DALI que permite o control dixital de cada luminaria ou accesorio de iluminación de maneira individual. Utiliza un protocolo de comunicación bidireccional de baixo voltaxe, así como enviar e recibir mensaxes desde os dispositivos.

Outra das melloras que levará a cabo o Concello no campo será a substitución do actual marcador por un novo videomarcador de última xeración.
Tanto o novo equipamento como a renovación da iluminación prevese que estean listos para o inicio da tempada.

0
0
0
s2sdefault