O alcalde, Telmo Martín, mantivo un encontro esta mañá con comisións de festas e comunidades de montes para valorar medidas ante a situación de alto risco de incendio
Sanxenxo, 20 de agosto de 2025.- O Concello de Sanxenxo impulsará un plan piloto coas comunidades de montes para mellorar a xestión forestal do territorio e previr incendios. O alcalde, Telmo Martín, acompañado dos concelleiros de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez; de Medio Ambiente, Yago Torres, e de Cultura e Eventos, Elena Torres, mantivo esta mañá unha reunión coas comunidades de montes de Nantes, Arra e Noalla, así como coas comisións de festas de Bordóns e A Lanzada, para valorar medidas a adoptar ante a situación de alto risco de incendios. Durante o encontro, acordouse non tirar bombas de palenque durante as alboradas tanto nas festas de Sanxenxo, que comezan este domingo, como na Festa Labrega de Bordóns. Tampouco, en A Lanzada se persiste a situación.
En canto ao estado dos montes, o alcalde lembrou que non están permitidos os desbroces de parcelas con maquinaria ante o risco de incendio. Así mesmo, expuxo a importante labor preventiva de limpeza que se realizou a través do convenio co Seaga durante a primavera tras unha inspección de 16.000 parcelas. “Requiríuselles aos propietarios a limpeza de 4.531 parcelas e confirmaron a súa limpeza 1.089, aínda que cremos que houbo moitas máis que non o comunicaron na oficina de Medio Ambiente porque non era obrigatorio”, dixo.
Tras unha experiencia moi positiva, tanto Concello como comunidades de montes queren ir máis alá da man da Consellería do Medio Rural cun plan piloto de xestión forestal. Trátase dun proxecto inicial que busca establecer unha xestión sostible dos montes, considerando aspectos como a produción, a conservación, a prevención de incendios e a adaptación ao cambio climático. As comunidades de montes propoñen ademais recuperar antigos camiños forestais de acceso aos distintos puntos do terreo que se foron perdendo por desuso. Concello e comunidades reuniránse de novo o próximo mes de outubro tras realizar un traballo de campo sobre o terreo.