Concello de Sanxenxo - O CONCELLO HABILITARÁ UN NOVO ACCESO PARA O COLEXIO DE A FLORIDA NA RÚA MIRAFLORES POLAS OBRAS EN RICARDO SANTOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A entrada principal ao centro educativo estará operativa só para peóns durante a actuación de mellora de seguridade viaria

Sanxenxo, 21 de agosto de 2025.- O Concello de Sanxenxo habilitará un novo acceso para o colexio de A Florida pola Rúa Miraflores para autobuses e vehículos con motivo das obras de mellora de seguridade viaria que darán comezo a principios de setembro. As concelleiras de Educación, Nati Parada, e de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, e o edil de Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron xunto a membros do equipo directivo a zona na que operarios municipais acondicionarán unha nova entrada.

O acceso pola porta principal seguirá estando operativo para peóns durante aproximadamente o mes que duren as obras. Pola Rúa Miraflores habilitarase unha entrada para Infantil e outra, para Primaria.

Esta obra ten un orzamento de 64.960 euros, dos cales 55.170 euros proveñen dunha axuda da Agader. Este tramo mide en total 458 metros e a súa plataforma ten un ancho medio duns 6,20 metros, aínda que varía en diferentes puntos. O pavimento está bastante deteriorado polo uso, polo que é necesario substituílo por completo.

Ademais, planifícase ampliar o vial creando unha tira de ensanche no marxe esquerdo, ao longo de 107 metros, o que permitirá gañar 1,50 metros de calzada en terreos que xa son propiedade municipal. Tamén se pavimentará un sobreancho de 6,50 metros en 27 metros dese mesmo marxe, aproveitando a cesión dunha parcela ao inicio do camiño.

A obra incluirá tamén a demolición e reposición do muro fronte á entrada do pavillón, onde se habilitarán varias prazas de aparcamento. Ademais, eliminarase unha cuneta a ceo aberto e instalarase un sistema para recoller as augas pluviais.

Ao rematar, pavimentarase toda a calzada cunha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, repararanse as tapas de rexistro afectadas e colocarase a sinalización vertical necesaria.

0
0
0
s2sdefault