Concello de Sanxenxo - O COLEXIO DE PORTONOVO SERÁ UN CENTRO EDUCATIVO 100% ACCESIBLE UNHA VEZ CONCLUÍDAS AS OBRAS DE MELLORA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 30 de agosto de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado do alcalde, Telmo Martín, e da concelleira de Educación, Nati Parada, así como do equipo directivo do centro, visitaron esta mañá as obras que se están a executar no colexio de Portonovo.

A Xunta está a investir máis de 240.000 € en diferentes intervencións que abarcan unha superficie total de 1.156,45 m² e que inclúen a instalación dun ascensor na parte esquerda do centro, con acceso desde o vestíbulo principal, e a reconfiguración de espazos. Tamén, co obxectivo de eliminar barreiras arquitectónicas, instálase un novo aseo adaptado na planta baixa do edificio de Primaria e reformarase e ampliarase o acceso exterior con ramplas, eliminando desniveis.

Ademais, mellórase o sistema de recollida de pluviais e de saneamento coa renovación e ampliación das canalizacións de drenaxe, delimítanse e paviméntanse novas zonas de xogo e créase unha marquesiña exterior como cuberta de protección na comunicación peonil entre o edificio de Infantil e o acceso posterior do edificio de Primaria.

A actuación inclúese dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Neste marco, Román Rodríguez fixo balance da aplicación desta folla de ruta do goberno galego “para modernizar colexios e institutos”, destacando que, desde a súa posta en marcha en 2021, o plan inclúe xa 2.992 actuacións, cun investimento do goberno galego de 331,6 M€.

Cómpre lembrar que este centro educativo xa fora obxecto dunha remodelación integral hai catro anos por parte da Xunta, cun investimento próximo ao millón de euros. A actuación centrouse na eficiencia enerxética sobre luminarias, instalacións e cubertas, o que permitiu reducir o consumo enerxético nun 30 %.

0
0
0
s2sdefault