Ambos se renovarán pola modalidade de renting cunha duración de 48 meses e un importe total de 627.478 euros
Sanxenxo, 2 de setembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo, a través do seu Organismo Terra de Sanxenxo, adxudicou a Limonta Sport Ibérica o cambio de céspede e rego dos campos de fútbol de Baltar e Noalla. Agora ábrese un prazo de quince días hábiles para a formalización do contrato. Ambos se renovarán pola modalidade de renting cunha duración de 48 meses e un importe total de 627.478 euros procedentes de fondos municipais.
En canto ao novo contrato, o paquete de céspede artificial será de última xeración para a práctica do fútbol 11 e fútbol 7. Deberá cubrir unha superficie total de 103,25 por 62,50 metros no campo de fútbol de Noalla e unha superficie total de 101 por 62 metros no de Baltar. O céspede deberá ter pasado unha proba en laboratorio homologado do produto e dar cumprimento ás normas FIFA Quality Pro for Football Turf.
En canto ao sistema de rego está prevista a colocación de 12 canóns de impacto emerxente de primeiras marcas cun sistema de rotación de 360 graos. O contrato tamén contempla actuacións complementarias no campo de Noalla como a substitución da varanda e melloras no peche perimetral.
O campo de Baltar será a primeira instalación municipal onde se actúe e, durante o tempo dos traballos, os equipos que adestran e xogan neste campo trasladaranse a outros terreos de xogo municipais. O mesmo ocorrerá cando se cambie o de Noalla.
Nos últimos anos o Concello realizou un importante investimento nas instalacións deportivas como as remodelacións integrais dos pavillóns de Baltar e Vilalonga; o novo campo de fútbol de Dorrón; a renovación do céspede de O Revel ou, recentemente, a mellora de iluminación e bancadas no campo de fútbol de Noalla.