A actividade dará comezo ás 17 horas e a artista Sara Gimeno actuará como teloneira
Sanxenxo, 22 de agosto de 2025.- Baiuca actuará o próximo domingo 7 de setembro na explanada de Baltar como parte do programa Orballo Cultural co que se busca celebrar a riqueza musical, gastronómica e artesanal de Galicia. A actividade dará comezo ás 17 horas con diversas propostas e un pequeno mercado de artesanía. Ás 20 horas, está prevista a actuación de Sara Gimeno, gañadora do 1º Premio Xuventude Crea 2024 na modalidade de música, que lanzou a principios deste ano “Bordeaux”.
A partir das 21:30 horas dará comezo o concerto de Baiuca, nome co que se coñece artisticamente a Alejandro Guillén. Un proxecto moi persoal que intenta achegar a tradición galega á vangarda, á electrónica. A súa música caracterízase por integrar instrumentos e elementos tradicionais galegos, como as gaitas, pandeiretas, tambores e cantos populares (muiñeiras, alalás...), con beats electrónicos, sintetizadores e samples, dando como resultado un estilo que algúns chaman folktrónica. Esta combinación dá lugar a un son innovador que homenaxea as tradicións de Galicia ao tempo que as proxecta cara a un público global.
En 2022, Baiuca gañou dous Premios da Música Independente (MIN), un á mellor gravación de música electrónica e outro ao mellor álbum en galego. Baiuca conseguiu levar a súa música a escenarios internacionais, participando en festivais de renome como o Womad, o Sónar e outros eventos en Europa e América Latina.
Será un evento de balde que conta co apoio do Concello de Sanxenxo, a Xunta de Galicia, Estrella Galicia e Coca Cola.