Un total de 43 postos engalanarán a contorna portuaria cos mellores produtos da terra coa cebola como protagonista
Sanxenxo, 3 de setembro de 2025.- Sanxenxo homenaxea mañá a Maruja Cacabelos e a Pepe Álvarez na XLIII Feira da Cebola. Un total de 43 postos instalaranse na contorna da Praza dos Barcos, coincidindo coa celebración de Santa Rosalía. A xornada dará comezo con pasarrúas e alboradas a cargo da Asociación Cultural Abiñadoira e da Banda de Música. Ás 10.00 horas, procederase á apertura dos postos e á venda de hortalizas.
No mesmo recinto, ás 12.30 horas dará comezo a cerimonia de entrega das Cebolas de Ouro 2024, galardón co que nesta edición será distinguida Maruja Cacabelos, ceboleira que leva máis de 20 anos participando na cita, e o profesor Pepe Álvarez, profesor durante máis de vinte anos no colexio de Magaláns e, posteriormente, no IES Sanxenxo ata a súa xubilación, deixando unha pegada imborrable no seu alumnado.
Durante a cerimonia tamén se repartirán 1.780 euros en premios para as cebolas máis grandes, as composicións artísticas máis orixinais, as ristras máis longas e o posto mellor presentado.
Na vertente relixiosa do programa, ás 19.00 horas celebrarase misa cantada, a cargo do coro parroquial San Xinés de Padriñán, no templo novo, e unha ofrenda da Danza de Río Frío a cargo de Abiñadoira. A partir das doce da noite realizarase a gran tirada de fogos de artificio desde a praia de Silgar.
Durante esta mañá, a Sala Nauta acolleu unha xornada de exaltación do produto estrela da horta de Sanxenxo, a cebola, a cargo de Pepe Solla e Rodrigo Valiente e Os Irmáns Visi. A partir das 22.00 horas terá lugar a procesión nocturna para recoller a imaxe de Santa Rosalía co acompañamento da Banda de Música de Sanxenxo e Abiñadoira. A partir das 22.30 horas, terán lugar os Concertos da Cebola, con Germán Prieto, na Rosa dos Ventos, e Grupo La Movida ás 23.30 horas no Paseo dos Barcos.