Concello de Sanxenxo - A XLIII FEIRA DA CEBOLA ATEIGA O CONTORNO PORTUARIO PARA RENDERMOS HOMENAXE A MARUJA CACABELOS E PEPE ÁLVAREZ
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A choiva respectou un acto no que as vendas deixaron antes do mediodía postos completamente baleiros de produto

Sanxenxo, 4 de setembro de 2025.- Centos de persoas ateigaron esta mañá a Praza dos Barcos e o contorno portuario con motivo da XLIII Feira da Cebola, enmarcada dentro da celebración de Santa Rosalía. A choiva que, por momentos ameazou con aparecer, respectou a homenaxe ao profesor Pepe Álvarez e á ceboleira Maruja Cacabelos elixidos polo xurado nesta edición para seren galardoados coas Cebolas de Ouro. Os 43 postos de venda de produtos da horta coas cebolas como protagonistas tamén deron boa conta do produto e, antes do mediodía, algúns xa estaban completamente baleiros.

O alcalde, Telmo Martín, foi o encargado de colocar a insignia de ouro a Maruja Cacabelos que dedicou, visiblemente emocionada, o premio ao seu home Feliciano Pombo, recentemente falecido, co que compartiu moitos anos na Feira da Cebola. “Que contento estarías hoxe se estiveras aquí comigo”, dixo. Agradeceu o premio “a todas esas persoas que pensastes en min para mo dar”.

Pola súa parte, o delegado territorial, Agustín Reguera, entregoulle o galardón a Pepe Álvarez, que se lembrou do seu “alumnado ao longo de 34 anos de docencia e dos meus compañeiros” e incidiu en que “é moi importante saber matemáticas, historia… pero o máis importante é ser boa persoa e respectar aos demais por riba das diferencias”. Na mesma liña, insistiu en que “a diversidade nunca debe ser unha fonte de conflitos senón de enriquecemento”.

Reguera asegurou que esta Feira “representa moi ben o que é Galicia relacionada co turismo, o rural galego, o mar e a nosa gastronomía, piares básicos de Galicia”. “Agradezo a Sanxenxo que siga apostando por este tipo de actividades”, sinalou. “Desexarvos que desfrutedes do verán e que viva Sanxenxo e viva Santa Rosalía”, finalizou.

Martín pechou o acto destacando que “hai algo que une a Maruja e a Pepe e é o seu amor por Sanxenxo, aportando o que mellor saben facer”. Destacou a importancia do papel das ceboleiras en cada edición, “sen elas isto non sería posible”. “Maruja pola túa aportación ao campo e o teu esforzo por contar co mellor produto e ti, Pepe, por deixar unha fonda pegada nos teus alumnos, sodes moi merecedores destas cebolas de ouro”, asegurou.

Máis premios

A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, foi a encargada da entrega de premios do concurso ao posto mellor decorado, a ristra de cebolas máis longa e a cebola máis grande no que se repartiron 1.780 euros.

Cebola máis grande
🏆 Premio único: María Angustias Pintos Arosa (1.408 g)
🥈 1º Accésit: Encarnación Cacabelos (1.349 g)
🥉 2º Accésit: Susana Corbacho Martínez (1.308 g)

Restra máis longa
🥇 1º Premio: Yudith Dos Reis Fernández (192,10 m)
🥈 2º Premio: María Aurea Garrido (58 m)
🥉 3º Premio: María Ángeles Cacabelos (35,40 m)
🥈 1º Accésit: Herminda Rita Pombo (35,40 m)
🥉 2º Accésit: Hortensia Domínguez Vidal (13,10 m)

Composición artística
🥇 1º Premio: Albariño do mar (Encarnación Cacabelos)
🥈 2º Premio: O Pulpeiro (Margarita Moldes Soutullo)
🥉 3º Premio: A Madama (María Ángeles Cacabelos)
🥈 1º Accésit: O pavo recheo de cebolas (Rosa María Padín)

Posto mellor presentado
🏆 Premio único: María Elisa García Buezas

0
0
0
s2sdefault