Concello de Sanxenxo - SANXENXO PRÉPARASE PARA RECIBIR A MILES DE MOTEIROS NA 37 CONCENTRACIÓN MOTOTURÍSTICA INTERNACIONAL RÍAS BAIXAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Motoclub Amigos da Moto de Sanxenxo coa colaboración do Concello realizan tres días de actividade na explanada de Baltar

Sanxenxo, 10 de setembro de 2025.- Os amantes das dúas rodas teñen esta fin de semana unha cita en Sanxenxo coa 37 Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas. A organización Motoclub Amigos da Moto de Sanxenxo prevé a chegada de máis de 20.000 moteiros á explanada de Baltar, epicentro do evento que dará comezo o venres pola tarde e se estenderá ata o domingo ao mediodía. Como principal novidade na programación, inclúese música en directo. O Concello impícase cada edición cunha achega de 15.000 euros, apoio loxístico e seguridade.

O montaxe do arco de entrada en Rafael Picó, así como a carpa, comezará a instalarse esta tarde, pero non será ata o venres, ás 17 horas, cando se realice a apertura de inscricións presenciais, o mercadiño moteiro, terrazas con música e concertos en directo. Ás 19 horas realizarase o primeiro pase de stunt. A partir das 22 horas, será o momento da cea para os inscritos na carpa seguida do concerto de Andrés Balado que dará paso á festa moteira con sorteos de agasallos.

A xornada do sábado, día 13, comezará ás 10.00 horas co almorzo para os inscritos e unha nova apertura de inscricións. Pola tarde, desde as 16.00 horas, haberá mercadiño moteiro, terrazas e música, así como o concerto de Rock and Prol, Smoke, JJ Compota e Eme Music. Ás 19.00 e ás 00.00 horas haberá dous pases de stunt e, a continuación, servirase a cea, con posterior festa con sorteos.

Para pechar a fin de semana, o domingo comezará co almorzo e ás 11 horas, os preparativos para a excursión pola comarca, que sairá media hora máis tarde. Prevese a chegada do moteiro arredor das 13.30 horas para o xantar. Posteriormente, entregaranse os trofeos e haberá sorteos para os participantes nas seguintes categorías: Motoclub con maior número de inscritos nacional, Motoclub con maior número de inscritos internacional, inscrito de maior idade e piloto máis afastado.

En canto ao dispositivo de seguridade, Policía Local e Garda Civil encargaránse de velar polo control do tráfico e da contorna do recinto do evento. Os estacionamentos da recta de Rafael Picó quedarán limitados desde o venres para motos e pídese especial prudencia e responsabilidade na circulación durante toda a fin de semana.

Punto Violeta
O Concello instalará nas inmediacións do Centro de Saúde de Baltar un Punto Violeta, en horario de 20 a 23 horas, os días 12 e 13 de setembro. Servirá como punto de información, apoio e sensibilización ante casos de agresión ou violencia machista e sexista.

0
0
0
s2sdefault