Concello de Sanxenxo - PORTONOVO INAUGURA A VII FESTA DA EMPANADA MARIÑEIRA CON DEGUSTACIÓN, CHARANGA E SHOWCOOKING CON ALGAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 20 de setembro de 2025.- A VII Festa da Empanada Mariñeira arrancou esta mañá na lonxa de Portonovo con degustación de produto, charanga e showcooking de algas. O alcalde, Telmo Martín, xunto ao director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial; o presidente do Club de Piragüismo de Portonovo, Alberto Rodríguez; o patrón maior, Martín Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, encargáronse de realizar a apertura oficial da cita, xa con longas colas para retirar os tíckets de venda e gozar das propostas culinarias.

O Club de Piragüismo de Portonovo, coa colaboración da Confraría de Pescadores San Roque, aposta polos produtos do mar con selo de calidade como PescadeRías para ofrecer ata 18 tipos de empanadas con recheos diferentes e actividades variadas ao longo desta fin de semana. A recadación irá destinada ao financiamento do club que nos últimos anos logrou importantes logros neste deporte.

Tras os discursos inaugurais, deu comezo a charanga e o showcooking “As algas na masa. Un premio que nace do mar e da tradición” con Carmen Sánchez de Galuriña e a charla da doutora en Bioloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Ana Belén Crujeiras.

Pola tarde, ás 17 horas celebrarase o obradoiro-concurso familiar Peque Empanada para nenos de entre 5 e 12 anos e ás 20:30 horas comezará unha actuación musical do Grupo M80. Ás 23:30 horas procederase ao peche das instalacións.

Mañá domingo, ás 12 horas abrirán, de novo, as instalacións. Ás 12:30 horas terá lugar un maridaxe de Empanada Mariñeira con viños galegos a cargo de Miguel Ángel Besada, sumiller e propietario de A Curva. Ás 18:00 horas celebrarase o VII Concurso da Empanada Mariñeira, seguido ás 19:15 horas do fallo do concurso, a entrega de distincións e poxa das empanadas gañadoras. Ás 19:30 horas terá lugar unha actuación musical a cargo de Cantores Tradicionais de Moaña. Ás 21:30 horas procederase ao peche das instalacións.

A cita conta tamén cunha exposición “No Centro do Mar” cedida por Culturmar e outra de Ollares de Portonovo sobre imaxes do mar.

0
0
0
s2sdefault