Sanxenxo, 22 de setembro de 2025.- Sanxenxo mantén a súa aposta firme por diversificar os recursos do municipio e poñer en valor a riqueza paisaxística do seu interior. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, proporá a ruta que vai desde o Con da Romaíña ata o Con da Ventureira á próxima convocatoria de Sendeiros Azuis da Adeac.
A senda parte do río Besada no parque empresarial de Nantes e transcorrerá polo Con da Romaíña, o Pazo da Maza e remata no Con da Ventureira. Uns espazos ligados a tradicións e lendas con gran arraigamento no municipio como A lenda da moura ou a Lenda de Manolito e a serpe. A ruta conta cunha lonxitude de 3,98 quilómetros cunha elevación media de 77 metros. A senda Con da Romaíña-Con da Ventureira enlazaría, a apenas uns metros, coa Ruta dos Carballos de Aldariz sumando preto de 10 quilómetros.
Desde a Concellaría de Turismo e Praias xa se encargou a carteiría e a sinalización da ruta para marcar o itinerario e destacar en paneis os puntos da senda. Con esta senda serían tres, as que transcorrerían polo interior do municipio e que contarían con este distintivo de calidade xunto coa do Río Pintillón (Dorrón) e a dos Carballos de Aldariz. A estes sumaríanse os seis do litoral: Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, Sendeiro Litoral Canelas-Punta Cabicastro, Sendeiro Litoral Montalvo-Major, Sendeiro Litoral Paxariñas-Montalvo, Sendeiro Litoral Sanxenxo-Portonovo e Sendeiro Máxico da Lanzada.
O programa Sendeiro Azul premia e recoñece a conservación e recuperación de sendeiros e camiños, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así como para o goce da natureza a través da realización de actividades recreativas, deportivas e turísticas sostibles. Para obter o distintivo Sendeiro Azul débese cumprir un conxunto de criterios e indicadores, que se agrupan en catro categorías: características das sendas e trazados; información, sinalética e infraestruturas nos sendeiros; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e uso público dos sendeiros.