Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ULTIMA A LICITACIÓN DO ALUMADO DE NADAL PARA DÚAS ANUALIDADES POR 359.909 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O horario de acendido previsto é de 18:00 a 2:00 horas con luces de alta eficiencia 100% led

Sanxenxo, 26 de setembro de 2025.- A Concellería de Cultura, dirixida por Elena Torres, ultima a licitación do alumado de Nadal para dúas anualidades por un importe de 359.909 euros (IVE incluído). O horario de acendido previsto é de 18:00 a 2:00 horas desde o 1 de decembro ata o 10 de xaneiro.

En total colocaranse 345 motivos de alto valor estético, fabricados en estrutura soporte de aluminio, que se distribuirán por ata 84 espazos diferentes das sete parroquias. Desde o punto de vista técnico, a proposta deberá estar deseñada con tecnoloxía de alta eficiencia 100 % led, con equipos correctamente homologados. Desde o punto de vista estético, o alumado proposto será sometido á aprobación municipal e aportará personalidade propia a cada unha das zonas de actuación.

Así mesmo, o licitador debe adquirir o compromiso de responder de maneira inmediata ante calquera anomalía da instalación que afecte sobre todo á seguridade durante as 24 horas do día. Para iso, a empresa instaladora terá a obriga de dispor dunha persoa responsable e dun teléfono de localización, co obxectivo de que nun prazo menor de catro horas despois de recibir o aviso de avaría dispoña do persoal e os medios necesarios para a reparación da avaría ou anomalía producida.

Con respecto ás dúas anualidades, o contratista adquire o compromiso de instalar un alumado ornamental diferente. Concretamente, na tempada seguinte a proposta da empresa deberá conter como mínimo un 75 % de elementos ornamentais distintos aos instalados este ano durante a época festiva, proposta que deberá ser previamente avalada e autorizada polo Concello. Para iso, o adxudicatario deberá presentar dita proposta cunha antelación mínima de seis meses á data de acendido do alumado de Nadal.

Deste xeito, o contrato encarece en 102.240 euros respecto ao proposto en 2023, como unha aposta do goberno local por potenciar e reforzar unha tempada vacacional que ano tras ano mellora os seus datos de visitantes.

0
0
0
s2sdefault