O investimento, 34.661 euros, estará financiado co II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra
Sanxenxo, 29 setembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo continúa mellorando as instalacións deportivas municipais. Así, renovará a carpintería interior que se atopa moi deteriorada nos campos de fútbol da Lanzada, O Revel e Baltar. Actualmente, as portas existentes presentan un deterioro significativo debido ao uso continuado e á exposición a condicións ambientais adversas, o que afecta á súa funcionalidade e estética. A Concellaría de Deportes, a través do II Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, acometerá a substitución das portas cun investimento de 34.661 euros. En total, substituiranse 42 portas.
As principais actividades que se levarán a cabo inclúen:
• Retirada das portas existentes: Desmontaxe e xestión de residuos conforme á normativa vixente.
• Instalación de novas portas: Incorporación de portas fabricadas con materiais duradeiros e resistentes á humidade e ao uso frecuente.
• Revisión e axustes finais: Para asegurar que todas as portas funcionen correctamente, cumprindo cos requisitos de accesibilidade e seguridade.
A execución destas obras non só mellorará a funcionalidade e aparencia das instalacións, senón que tamén garantirá un cumprimento óptimo das normativas vixentes. O prazo de execución é dun mes e o de garantía de 24 meses.
Esta actuación executarase proximamente do mesmo xeito que a renovación do céspede dos dous campos de fútbol de Baltar e Noalla. Limonta Sport Ibérica levará a cabo o cambio do terreo de xogo en modalidade de renting durante un período de 48 meses e supón un investimento total de 627.478 euros, financiados con fondos municipais. Os novos terreos de xogo contarán con céspede artificial de última xeración, apto tanto para fútbol 11 como fútbol 7, e homologado baixo os esixentes estándares FIFA Quality Pro for Football Turf.
As superficies a cubrir serán de 103,25 x 62,50 metros en Noalla e 101 x 62 metros en Baltar.
En canto ao rego, instalaranse 12 canóns de impacto emerxente con sistema de rotación de 360°, fabricados por primeiras marcas do sector, o que garantirá un mantemento eficiente e uniforme do céspede.
Ademais, no campo de Noalla levaranse a cabo actuacións complementarias, como a substitución da varanda e melloras no peche perimetral. Os traballos comezarán no campo de Baltar, que será a primeira instalación municipal en entrar en obras.
Durante este período, os equipos que adestran ou compiten alí serán reubicados temporalmente noutros campos municipais. Unha vez finalizadas as obras en Baltar, procederáse do mesmo xeito co campo de Noalla.
Esta renovación súmase ás inversións que o Concello vén realizando nos últimos anos en materia deportiva: a remodelación dos pavillóns de Baltar e Vilalonga, a construción do novo campo de fútbol de Dorrón, a renovación do céspede en O Revel ou, máis recentemente, a mellora da iluminación e das bancadas do campo de Noalla.