Sanxenxo, 30 de setembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo, a través da Concellaría de Turismo e Praias, dirixida por Juan Deza, inicia, coincidindo co peche oficial da tempada de baño, a mellora e posta a punto das praias do municipio. Os traballos comezaron esta semana no areal de Canelas coa substitución da pasarela provisional por unha fixa lixeiramente elevada sobre a area para permitir o avance da duna baixo a mesma. Ademais, a zona de acceso sofre numerosos arrastres pola baixada de pluviais polo vial de acceso á praia, para o que se proxecta unha reixa transversal de recollida de augas conectada a un pozo xa existente.
A pasarela, ademais de dar acceso á praia, conectarase con outra xa existente a través da que se accede á caseta de baños e servizos. Esta pasarela conta cunha rampla de subida de 7 m² de superficie que será desmontada previamente, reservando o material para unha posterior reutilización. Instalaranse dous tramos de pasarela, cunha lonxitude de 40 metros, que dará acceso ao areal. A pasarela contará con alumeado con tiras LED de 50 centímetros ancoradas a postes de piñeiro. A actuación terá un custo de case 32.000 euros que será subvencionada polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.
O Concello tamén ten previsto actuar na praia de Silgar creando un novo acceso peonil. O areal conta con 8 conxuntos de escaleiras dobres de 0,80 m de ancho e dúas rampas para os usuarios con mobilidade reducida e carros. A actuación contempla a instalación dunha rampla de madeira, similar ás que xa están instaladas, que cumpra cos criterios de accesibilidade. Os traballos a realizar inclúen o desmontaxe do tramo de balaustrada de granito existente para permitir o acceso á pasarela, así como o montaxe de pasarela formada por piares, vigas, pontóns e entablado de plástico reciclado, así como barandillas de aceiro inoxidable.
A actuación conta cunha axuda de máis de 54.000 euros da Consellería do Mar a través do GALP, na que tamén se inclúe unha nova pasarela en Area de Agra para persoas con mobilidade reducida, na que se proxecta un novo acceso formado por unha pasarela de dous tramos e meseta para xiro de 180º, trazada paralelamente ao muro de contención existente. Está formada por soportes pilotados, plataforma e barandilla.