A actividade, orientada ao alumnado de 6º de Primaria e 2º da ESO, deu comezo esta mañá no IES Sanxenxo
Sanxenxo, 1 de outubro de 2025.- O Concello de Sanxenxo puxo en marcha esta mañá no IES Sanxenxo o programa “Querernos ben”, unha acción educativa contra a violencia de xénero. Conscientes de que a educación afectivo-sexual continúa a ser un gran tabú nas familias e que a falta de información é un dos motivos polos que a mocidade carece de contidos axeitados para comezar os alicerces das relacións afectivo-sexuais de xeito saudable, as concellarías de Servizos Sociais e Maiores, a través do CIM, e de Educación impulsan esta actividade orientada ao alumnado de 6º de Primaria e 2º da ESO.
Este proxecto está dividido en diversas accións co alumnado dos seguintes centros educativos: CEIP Cruceiro de Vilalonga, CEIP Magaláns, CEIP Nantes, CEIP A Florida, CEIP Noalla, IES Sanxenxo, IES Vilalonga, CEIP Portonovo e Colexio Plurilingüe Abrente.
Nos últimos anos, o Concello está a traballar na educación afectivo-sexual como foco de prevención de futuras condutas e manifestacións de violencias. Nesta proposta, tendo en conta os resultados acadados en anos anteriores e adaptándonos á realidade social do Concello, búscase traballar a educación afectivo-sexual en obradoiros a través da coeducación afectivo-sexual, que é a didáctica da igualdade de xénero.
A actividade contará con profesionais cualificados e formados, cunha programación específica e supervisada polas profesionais do CIM, combinando teoría, material audiovisual e dinámicas e xogos para reforzar a aprendizaxe nun contexto máis distendido e ameno. Financiado pola Diputacion de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención de violencia de Xénero.
A programación contará con tres sesións orientadas ao alumnado:
• Sesión 1. Así, así non
Unha sesión na que se traballarán as relacións afectivas e sexuais poñendo en común todos os puntos de vista e opinións, poñendo o foco no bo trato. Poñerase en marcha un consultorio de educación sexual a través dun buzón para que poidan achegar todas as dúbidas.
• Sesión 2. Atopar as desigualdades
Unha sesión sobre as relacións baseadas no respecto, que se centrará no rexeitamento das posicións de dominación e sumisión, sinalando as violencias invisibles. Entregaranse dous dípticos de “Aprendendo a querernos ben”.
• Sesión 3. O normal, o natural
Unha sesión para desmitificar a estandarización comercial dos corpos en contraposición coa realidade da nosa natureza, centrándonos na aceptación dos corpos propios e alleos. Poñerase o foco na corresponsabilidade nas relacións afectivo-sexuais para previr enfermidades, embarazos e violencias.
Tamén se destinará unha sesión ás familias, na que se traballarán os contidos do proxecto coas familias do alumnado en tres pasos:
• Abrindo unha rolda de achegas, medos e consultas que presenten as familias participantes.
• Presentando as conclusións que se obteñan das sesións nas aulas.
• Aportando respostas e ferramentas básicas para educar en igualdade, prevención e rexeitamento das violencias de xénero, incidindo no eido afectivo-sexual.