Concello de Sanxenxo - O IES VILALONGA E O CONCELLO PLANIFICAN UN PARQUE MICOLÓXICO NO ENTORNO DO CON DA ROMAÍÑA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A intervención consistirá na plantación duns 50 árbores micorrizados catalogados cun código QR

Sanxenxo, 2 de outubro de 2025.- O entorno do Con da Romaíña acollerá un parque micolóxico aberto ao público onde se poderá acudir a coñecer cogomelos. A intervención, que consistirá na plantación duns 50 árbores micorrizados catalogados cun código QR, inclúese dentro dun proxecto do IES Vilalonga recoñecido pola Xunta de Galicia como un dos mellores proxectos de innovación en Formación Profesional.

A concelleira de Educación, Nati Parada, asistiu esta mañá a un encontro con docentes de FP de Hostalería e Restauración, o presidente da Federación Galega de Micoloxía e a Asociación Medioambiental Amabul para marcar os prazos para a posta en marcha do proxecto. O Concello acondicionará o espazo nos vindeiros días para a plantación destas especies arbóreas. “Trátase dun proxecto novidoso que, ademais da parcela educativa, ten outra social da que se poderán beneficiar outros escolares e veciños do municipio”, explica Nati Parada.

Ademais deste Parque Micolóxico, a nivel didáctico, nas instalacións do centro crearase un Horto Micolóxico, é dicir, un lugar específico onde poder cultivar cogomelos e champiñóns. Isto é algo novidoso no ámbito escolar e sería unha evolución dos hortos escolares, que xa están implantados nos colexios e que achegan un gran beneficio didáctico.

O proxecto inclúe tamén unha parte gastronómica, a máis relacionada coa hostalería e o turismo, na que se pretende elaborar produtos que non se comercializan actualmente. A idea é realizar probas con cogomelos silvestres que se poden atopar na zona e que non son os máis coñecidos gastronomicamente, pero que achegan matices e sabores para pratos doces, salgados e bebidas. Unha parte na que está prevista a colaboración do CIFP Carlos Oroza coa presentación e realización de probas e mostras gastronómicas. “Pretendemos mostrar outras elaboracións gastronómicas que na actualidade non se comercializan, pero que poden ter desenvolvemento tanto no ámbito da restauración, como da industria alimentaria e para iso utilizaremos tamén os cogomelos e champiñóns cultivados no horto ecolóxico”, explica Rubén Otero.

0
0
0
s2sdefault